Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso investirá 6,5 millóns de euros na implantación de tecnoloxía led en todo o alumeado público

A Concellaría de Infraestruturas e Medio Ambiente aposta por un servizo integral que reducirá o consumo eléctrico das 3.333 luminarias existentes no concello e mellorará o funcionamento. O proceso de licitación xa está en marcha

O concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente, José Manuel Pose Verdes, impulsa un dos seus proxectos máis ambiciosos: a substitución de todos os puntos de luz públicos por luminarias led, sumándose deste xeito ás cidades de todo o mundo que apostan cada vez máis por un alumeado máis eficiente, menos contaminante e máis seguro. O día 27 de febreiro publicouse no perfil do contratante o anuncio da licitación do servizo público integral de iluminación, xa que ademais do cambio de lámpadas inclúe o mantemento, a xestión e o consumo. O investimento acada os 6.591.080 euros.

O contrato inclúe a substitución dun total de 3.333 luminarias, que seguirán sendo propiedade do Concello de Ponteceso unha vez remate a relación coa empresa de servizos enerxéticos que resulte adxudicataria. Tamén forma parte do contrato o alumeado de Nadal de todo o concello e o de todas as festas de cada parroquia, así coma un xerador para as verbenas populares de cada lugar. Ademais, unha porcentaxe do aforro que se consiga reverterá nas arcas municipais, o que supón un elemento diferenciador con respecto a outros concellos.

A utilización de luminarias led supón un aforro superior ao 80% no consumo eléctrico. Pero dende o departamento que dirixe José Manuel Pose Verdes, ademais das vantaxes económicas, valóranse especialmente as medioambientais. De feito, toda a enerxía que se consuma deberá contar co certificado de enerxía verde, explicou o concelleiro.

A tecnoloxía led mellora a eficiencia e o aforro enerxético da iluminación pública, diminúe as emisións de gases de efecto invernadoiro e limita a contaminación luminosa nocturna. Ademais, mellora a calidade da luz e, polo tanto, a seguridade cidadá e reduce dun xeito considerable as incidencias, co cal mellora a calidade do servizo.

Concello de Ponteceso