Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O luns 11 abre o prazo de inscrición para participar na excursión ás Rías Baixas organizada pola Concellería de Servizos Sociais

Para garantir a participación de toda a veciñanza, o primeiro día só se poderán anotar as persoas que o fagan por primeira vez; o martes 12, as que participaran só noutra viaxe, e a partir do mércores 13, o resto de interesados/as

No Concello de Ponteceso volvemos a poñernos en ruta para dar a benvida á primavera desde un dos lugares máis fermosos, turísticos e internacionais de toda a xeografía galega: as Rías Baixas.

Nesta ocasión, as localidades de Pontevedra, Combarro e O Grove serán os destinos dos veciños e veciñas que participen na excursión que a Concellaría de Servizos Sociais ten previsto realizar o próximo sábado 23, dentro da programación de ocio e tempo libre dirixida aos nosos maiores.

Ter máis de 55 anos e estar empadroado/a no noso municipio son os únicos requisitos que deberán reunir as persoas que estean interesadas en formar parte da que será a terceira excursión no que vai de ano, tras a realizada á comarca do Deza e ás localidades de Verín-Allariz.

O período de inscrición abrirase o luns 11 para as solicitudes prioritarias, é dicir, para aquelas persoas que non participaran en ningunha excursión anterior, que terán de prazo ata o martes 12 incluído, día no tamén poderán anotarse os/as que xa acudiran a unha soa viaxe con antelación. E a partir do mércores 13 poderán facelo o resto de candidatos/as. Deste xeito, preténdese garantir o acceso de toda a veciñanza. Máis información nos teléfonos 881 983 045- 881 983 797.

A viaxe
A xornada arrincará a primeira hora da mañá, seguindo os horarios e os itinerarios de costume, para poñer rumbo cara a cidade de Pontevedra, modelo europeo e referente mundial en materia de calidade urbana, mobilidade e accesibilidade. Teremos a oportunidade de perdernos polas súas rúas e prazas e coñecer de preto un dos conxuntos históricos máis importantes e mellor conservados de Galicia. A continuación visitaremos a localidade de Combarro, con parada para xantar e desfrutar da súa excelente gastronomía.

Xa pola tarde achegarémonos ata O Grove para gozar das espectaculares vistas que ofrece o Miradoiro da Siradella e máis tarde percorreremos a Ría de Arousa a bordo dunha embarcación (entrada incluída) que nos levará ata a zona das bateas, onde nos agardará unha exquisita degustación a base de mexillóns e gambas regada con viño da terra. Con este bo sabor de boca, emprenderemos a viaxe de regreso seguindo as paradas de costume.

Concello de Ponteceso