Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

As ?Bolboretas? de Soledad Felloza porán o broche final ás IV Xornadas de Xénero organizadas pola Área de Biblioteca

O espectáculo terá lugar o venres 29, a partir das 18:30 horas, na Biblioteca Municipal

A 4ª edición das Xornadas de Xénero, organizada pola Área de Biblioteca de Ponteceso arredor do Día Internacional das Mulleres, chega esta semana á súa fin despois dun mes de intensa actividade cultural, literaria e teatral dirixida a toda a veciñanza co único obxectivo de traballar na defensa da igualdade de xénero desde a reflexión, a aprendizaxe e, por suposto, o entretemento.

Tras a visita da escritora e académica Mercedes Queixas, a actuación musical de Clara Amado e Ana Sánchez, o encontro coa xornalista Roser Amills e os contacontos de Celtia Figueiras e Raquel Queizás, chega a quenda da contadora de historias Soledad Felloza, que o próximo venres 29 achegaranos ao mundo máxico e libre de ?Bolboretas?, un espectáculo de narración oral repleto de historias de nenas e mulleres que voan alto para amosarnos un mundo sen violencia no que a igualdade é posible.

O título da obra, dirixida ao público familiar, responde ao nome co que eran coñecidas as tres irmás Mirabal, naturais da República Dominicana, asasinadas un 25 de novembro por defender os seus dereitos mentres soñaban con voar libres. Na súa memoria, Nacións Unidas decidiu institucionalizar esa data como o Día da Loita Contra a Violencia de Xénero.

Sen dúbida, unha actuación de luxo, cargada de gran simbolismo e emotividade, que arrincará ás 18:30 horas para poñer o broche final á programación deste ano. Agardámosvos a todos/as na Biblioteca Municipal. Non faltedes!

Concello de Ponteceso