Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Esta Semana Santa o Museo de Arte Costa da Morte de Corme abre as súas portas para acoller tres exposicións arredor do mar

?Arte Natural Efémera? de Suso Lista, ?Berros no roncar das ondas? cedida polo Ceida e ?Corme.Territorio Sobre Natural? poderán visitarse de xoves a sábado, de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:00 horas, e o domingo 21 en horario de mañá

Esta Semana Santa ninguén che dá máis! E para comprobalo non tes máis que achegarte ata o Museo de Arte Contemporánea Costa da Morte (MACMO), en Corme, que durante estes días compartirá protagonismo coa devoción e a paixón dos tradicionais actos litúrxicos que se celebrarán na propia vila e coa gastronomía e a música que nos achegará a II Festa Marisqueira.

De xoves a domingo, o Museo de Arte Contemporánea de Corme permanecerá aberto ao público para converterse, por un lado, en punto de información turística para os visitantes que se achegan nestas datas ata o noso concello e, polo outro, nun novo espazo de expresión artística, cultural e etnográfica capaz de albergar, tanto no seu interior coma na fachada, varias exposicións ao mesmo tempo para satisfacer así as necesidades e gustos de todo tipo de públicos. Aquí chas presentamos todas! Bota unha ollada!

?Arte Natural Efémera?. Exposición fotográfica de Suso Lista.
Trátase dunha colección de fotografías nas que o vento, o mar, a choiva e a luz do sol son os auténticos artistas, debuxando na particular area da Praia de Osmo (Corme) diferentes formas que seguen patróns universais pero que, ao igual que as pegadas dactilares, son únicas e diferentes.

Na mostra recóllense composicións efémeras destruídas con cada marea, baixo o efecto da lúa, dando paso a novas formas e texturas plasmadas nunha escolma de fotografías elaboradas polo actor, escritor, guionista e percebeiro cormelán Suso Lista, que nos convida a deixarnos levar polos sentidos para gozar das sensacións que provocan estas fermosas imaxes captadas co seu móbil para darlles máis vida.

Visitas: Do 18 de abril ao 2 de maio no Museo de Arte da Costa da Morte (www .macmo . ga1), con cita previa no 881 983 683 (Cultura) agás durante a Semana Santa, e do 3 ao 23 de maio na sala de exposicións do Centro Cultural de Ponteceso (www .ponteceso . ga1), en horario de 9.00 a 13.00 h.

?Berros no roncar das ondas?. Proxecto fotográfico de Xacobe Meléndrez, cedido polo CEIDA.
Trátase dunha exposición ao aire libre, cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, na que o fotógrafo Xacobe Meléndrez pon imaxe ás iconas líricas do poeta Bernardino Graña para amosarnos unha paisaxe humanizada que mestura a vida e a morte a un tempo.

Arte cun alto contido de reflexión social e ambiental que propón unha análise crítica da relación entre a humanidade e o mar, a través dun achegamento sentimental, empregando para elo unha plasticidade do máis atractiva e os versos que a acompañan. A súa ubicación en espazos abertos (neste caso na fachada do MACMO) coa intención de achegar a arte á xente e conectar así coa maior cantidade de público posible, indo na súa procura aos espazos de uso cotiá, achegando así a arte á xente.

Visitas: Do 18 de abril ao 2 de maio nas rúas de Corme-fachada do MACMO- (www.macmo.ga1) e do 03 ao 23 de maio nas rúas de Ponteceso (www.ponteceso .ga1).

Exposición ?Corme. Territorio Sobre Natural?
A
s persoas que estes días se acheguen ata o Museo de Arte de Corme tamén terán a oportunidade de visitar a exposición ?Corme. Territorio Sobre Natural?, inaugurada o pasado día 6 pola Concellaría de Patrimonio que dirixe Carlos Penedo Casmartiño.

A través de oito paneis, a mostra recolle o resultado do proxecto de Cartografía Mítica de Corme, dirixido pola especialista en arqueoloxía Ana Isabel Filgueiras Rei e realizado no ámbito territorial das parroquias de Nosa Señora dos Remedios (porto) e San Adrián de Corme, San Xián de Brantuas e San Xoán de Niñóns. Un traballo de campo, rigoroso e exhaustivo, sobre o imaxinario deste territorio no que recollen elementos xeográficos, ambientais, paisaxísticos e tamén simbólicos. Unha viaxe pola nosa historia que non debes perder.

Durante a Semana Santa, o museo permanecerá aberto ao público o xoves, venres e sábado, de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 19:00, mentres que o domingo 21 farao só pola mañá.

Agardámosvos!

Concello de Ponteceso