Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Área de Normalización Lingüística celebrará o sábado 20 a I Feira do Libro en Ponteceso

Escritores locais como Suso Lista, Diana Varela, Miguel Anxo Mato e María Suárez González estarán asinando exemplares na Praza do Recheo a partir das 18:00 horas

Coa intención de promover a lectura e achegar o apaixonante mundo dos libros á cidadanía, o departamento de Normalización Lingüística, dirixido por Carlos Penedo Casmartiño, vén de anunciar a posta en marcha da que será a I Feira do Libro de Ponteceso.

“Tendo en conta que vivimos en terras de Pondal e que contamos a día de hoxe cun importante número de escritores e escritoras locais, pareceunos interesante e necesario dar este primeiro paso cara á consolidación do que, agardamos, sexa unha nova cita coa cultura e a literatura dentro do noso concello porque hai grande libros no mundo e grandes mundos nos libros”, asegurou o responsable municipal da área ao tempo que manifestou a súa ledicia e satisfacción por formar parte dun proxecto tan apaixonante no que, ademais participarán varios autores do noso concello así como a editorial Caldeirón, que xa confirmou a súa presenza.

A data elixida para a celebración desta primeira feira é o sábado 20, a partir das 18:00 horas. E o escenario non podía ser outro que a emblemática Praza do Recheo, situada fronte á Casa de Eduardo Pondal, na que ademais se agarda moita animación e bo ambiente durante toda a tarde con motivo da Festa Marisqueira que, por segundo ano consecutivo, se organiza no noso concello.

Entre os escritores/as convidados/as estarán autores locais de renome como Diana Varela, Miguel Anxo Mato, María Suárez González e Suso Lista, que asinarán exemplares das súas últimas obras a todas as persoas que se acheguen ata a praza.

Pola súa banda, o concelleiro Carlos Penedo anima a toda a veciñanza así como ás persoas que estes días se atopan de vacacións no noso municipio a participar nesta interesante e novidosa iniciativa “porque uns poucos/as, en sitios pequenos, facendo pequenas cousas, poden cambiar o mundo. E nós imos por bo camiño”, asegurou.

Concello de Ponteceso