Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Mestres/as e alumnos/as regueifeiros participarán este sábado na I Xornada de Improvisación Concello de Ponteceso organizada polo Servizo de Normalización Lingüística

O encontro, que se celebrará a partir das 18:00 horas nunha carpa instalada na Praza do Recheo, contará ademais coa presencia do vasco Iñaki Iturriotz e a catalá Catarina Canyelles

Poñer en valor o noso patrimonio oral e difundilo entre veciñanza e, especialmente, entre os máis novos como garante de continuidade e conservación son os obxectivos da I Xornada de Improvisación Concello de Ponteceso, que se celebrará o próximo sábado 27 nunha carpa instalada na Praza do Recheo.

A actividade, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística que dirixe Carlos Penedo Casmartiño, contará coa participación dalgunha das voces máis destacadas da regueifa na Costa da Morte e outras procedentes doutras comunidades.

Así, a partir das 18:00 horas dará comezo un encontro interxeracional e multicultural no que poderemos ver a mestres regueifeiros/as bergantiñáns tan experimentados/as como Suso de Xornes, Lupe Blanco, Alba María e Antonio de Xornes fronte a un grupo alumnos/as de regueifa e improvisación oral en verso do IES Maximino Romero Lema de Baio , herdeiros/as da nosa cultura e responsables de dar continuidade a esta fermosa e apaixonante tradición, tan arraigada na nosa comarca.

E para completar un cartel de luxo contaremos coa presencia, por primeira vez, do artista vasco Iñaki Iturriotz e da catalá Catarina Canyelles, encargados/as de dar a réplica nunha tarde que promete diversión, arte e moita tradición. Vala perder?

Concello de Ponteceso