Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

As Festiletras converterán Ponteceso no epicentro da cultura galega durante unha semana

Unha ofrenda floral na lembranza do escritor Xosé Neira Vilas dará paso, o domingo 12, á entrega dos premios Bos e Xenerosos

Arredor do Día das Letras Galegas, que se conmemora o 17 de maio, Ponteceso converterase un ano máis, e xa van 37, no epicentro da cultura galega durante sete días. Do 12 ao 19 deste mes volven as Festiletras ao noso concello e máis concretamente á Aldea do Couto.

A gran festa das letras virá acompañada dunha programación de luxo na que non faltará detalle: música, literatura, ciencia, folclore, arte, natureza, gastronomía, poesía, teatro, contacontos, xogos tradicionais...Un feixe de actividades para todas as idades e para todos os gustos, que se irán desenvolvendo da mañá á noite, na procura da participación e a implicación activa do público a través da realización de obradoiros, charlas, rutas e clases prácticas coas que, ademais de divertir e entreter, preténdese fomentar a aprendizaxe.

A algunhas das citas xa clásicas e coñecidas do festival como a Festiciencia, que reúne ao alumnado e profesorado dos clubs de ciencia da Costa da Morte ou as Literatas e que este ano xuntará sobre un mesmo escenario ao dúo instrumental formado por Caamaño-Ameixeiras e a Marisa Valle e Irma Macías, sumaranse iniciativas innovadoras e pioneiras como a 1ª Feira Agroalimentaria, que se celebrará no marco do VI Encontro de Aldeas Singulares e na que non faltará unha degustación de produtos da terra e catas de viños galegos.

Outro dos atractivos da semana será o desfile de personalidades e artistas do mundo da cultura, da música, do teatro, da arte e, por suposto, das letras, que se deixarán ver pola Fundación Eduardo Pondal e pola Casa dos Veciños do Couto, os dous centros neurálxicos da celebración.

A programación arrincará o domingo 12 cunha ofrenda floral ás 12:15 horas na igrexa parroquial en honor ao escritor e poeta Xosé Neira Vilas, que estivo moi vencellado ás Festiletras e ao noso concello. A banda de gaitas Inllar será a encargada de poñer a música ao acto, e a escritora Alba Costa, a súa voz. A continuación farase entrega dos premios Bos e Xenerosos 2019 á arquitecta Isabel Aguirre, o actor Miguel de Lira, a filóloga e presidenta do Consello da Cultura Galega Rosario Álvarez e o humorista Carlos Blanco.

Se non queres perder detalle, descarga aquí o programa ao completo das Festiletras 2019 e vai tomando nota todo. Vémonos en Ponteceso!

Ligazóns recomendadas


Concello de Ponteceso