Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Mariña Lucense será o destino dunha nova excursión organizada pola Concellaría de Servizos Sociais

Do luns 13 ao mércores 15 permanecerá aberto o prazo de inscrición, dando prioridade a aquelas persoas que non participaran en ningunha viaxe anterior

A Concellería de Servizos Sociais de Ponteceso abrirá o luns 13 o prazo de inscrición para participar na viaxe que ten previsto realizar á Mariña Lucense o sábado 18 de maio. Con esta iniciativa, aberta á participación de toda a cidadanía e dirixida, preferentemente, aos maiores de 55 anos que residen no noso municipio, o departamento que dirixe Isabel Vuelta pretende ofrecer unha alternativa máis para o tempo de ocio e lecer da veciñanza, achegándoos a descubrir algúns dos valores turísticos máis destacados das Rías Altas galegas como son a súa paisaxe, a natureza e, por suposto, a gastronomía.

As persoas que estean interesadas en asistir á que será a cuarta excusión do ano deberán anotarse ao longo da vindeira semana no departamento de Servizos Sociais. Para garantir a participación de todos os veciños e veciñas nesta actividade, o luns 13 só poderán anotarse aquelas persoas que non formaran parte de nningunha viaxe municipal anterior mentres que o martes 14 farano os/as que foran a unha, e o mércores 15 o resto de interesados/as.

Programa

Tras recoller a todos os/as participantes seguindo os horarios e paradas de costume, poremos rumbo á costa de Lugo para desfrutar do encanto da súa paisaxe e o sabor da súa gastronomía nunha xornada de diversión e convivencia. A primeira parada será na praia de As Catedrais para gozar dunha das paraxes máis fermosas da Mariña Lucense.

De seguido achegarémonos ata Ribadeo, onde visitaremos o Barrio de Cabanela, que deu orixe á cidade xunto co porto de Porcillán. Tras saborear a exquisita gastronomía local cun xantar nun restaurante da zona, partiremos cara outro punto de gran interese turístico na nosa comunidade: Mondoñedo.

Ademais de pasear polo seu casco histórico, teremos a oportunidade de contemplar a súa impresionante Catedral, declarada Monumento Nacional e coñecida popularmente como a "Catedral axeonllada" polas súas perfectas proporcións e escasa altura. Rematado o día, emprenderemos o camiño de regreso a Ponteceso deixando aos pasaxeiros/as nos mesmos puntos de recollida.

Máis información chamando nos teléfonos 881 983 045/ 981 983 797.

Concello de Ponteceso