Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A sede da Fundación Eduardo Pondal acollerá o venres 24 a entrega do “I Premio de Poesía Concello de Ponteceso. Eduardo Pondal” á escritora Mª do Carme Caramés

Será a partir das 19:00 horas nun acto ao que está convidada toda a veciñanza e que contará coa actuación do dúo poético-musical Aldaolado

Despois dunha intensa semana de celebracións con motivo da conmemoración da 37ª edición das Festiletras, a Fundación Eduardo Pondal volverá a converterse o venres 24 na sede da cultura en Ponteceso. Nesta ocasión será para acoller a entrega do “I Premio de Poesía Concello de Ponteceso. Eduardo Pondal”, que vén de organizarse no noso municipio, con gran éxito de participación, coa intención de estimular a creatividade literaria e honrar a memoria do noso ilustre bardo e autor do Himno Galego grazas á iniciativa posta en marcha polas áreas de Normalización Lingüística e Educación, que dirixe Carlos Penedo Casmartiño, xunto á Fundación Eduardo Pondal e a editorial Medulia.

O acto, ao que poderá asistir toda a veciñanza, dará comezo ás 19:00 horas e contará coa asistencia do Alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido así como dos responsables das entidades organizadoras e, por suposto, da gañadora do certame poético María do Carme Caramés Gorgal, unha escritora compostelá, nacida en Santa Comba en 1966, que xa acumula ás súas costas unha extensa traxectoria literaria repleta de premios e recoñecementos así como un amplo volume de textos publicados.

“Da casa, do mar e das ausencias” é o título da obra que, nesta ocasión, lle valeu o recoñecemento unánime do xurado, entre os máis dos 30 manuscritos participantes, “pola súa coherencia, equilibrio, pulcritude e harmonía entre a linguaxe e a estrutura interna”, segundo figura na acta feita publica o pasado venres 17 no salón de plenos do consistorio, coincidindo coa conmemoración do Día das Letras Galegas.

Tras a quenda de intervencións dos diferentes participantes, procederase á entrega do premio á gañadora, que consistirá nun cheque por valor de 500€, un diploma e unha efixie de Eduardo Pondal ademais da publicación, por parte da editorial Medulia, do traballo premiado e a cesión de 25 exemplares do mesmo á súa autora.

E, unha vez máis, as letras irán acompañadas de música coa actuación do dúo poético-musical Aldaolado, que nos sorprenderá cunha mestura de poesía, humor e cancións nun exercicio de comunicación directa co espectador. Imposible resistirse! Non faltedes!

Concello de Ponteceso