Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Aberto do 17 ao 24 de xuño o prazo de inscrición para os campamentos de conciliación que poremos en marcha durante o verán

O programa "Respira" pretende favorecer a conciliación das familias con fillos e fillas de 4 a 12 anos de idade

Chega o verán e con el o tempo de ocio e lecer por excelencia, especialmente para centos de nenos e nenas aos que agardan tres meses de vacacións escolares, repletos de xogos e diversión, lonxe das aulas. Todo un quebracabezas, pola contra, para os pais e nais, que teñen por diante a difícil tarefa de conciliar vida familiar, laboral e persoal. Para elo, o Concello de Ponteceso vén de poñer en marcha un ano máis, a través da área de Servizos Sociais, unha nova edición do programa Respira, unha iniciativa encamiñada a axudar ás familias do noso municipio a compaxinar o seu traballo co coidado dos fillos/as durante a temporada estival, e ofrecer aos máis cativos/as unha ampla oferta lúdica e recreativa na que o xogo e a aprendizaxe estean presentes a partes iguais.

Como vén sendo habitual, os campamentos de conciliación, dirixidos a nenos e nenas de 4 a 12 anos, desenvolveranse ao longo dos meses de xullo e agosto, tanto no Edificio das Escolas de Ponteceso como no pavillón municipal de Corme. No primeiro caso, o horario de actividades será de 10 a 13 horas mentres que no segundo comprenderá de 10:30 a 13:30 horas.

As familias interesadas en participar neste programa gratuíto deberán acreditar debidamente a necesidade de conciliar vida familiar e laboral posto que se trata dunha actividade con prazas limitadas.

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 17 ao 24 de xuño, ambos inclusive. Os/as interesados/as poderán anotarse ben no departamento de Educación Familiar de Ponteceso (881 983 223) e/ou na Oficina Municipal de Corme (981 738 428) en horario de 9 a 14 h.

Durante dous meses, os e as participantes terán a oportunidade de dar renda solta á imaxinación facendo gala da súa creatividade nos diferentes obradoiros de artes plásticas e manuais que se van levar a cabo. Así mesmo, tamén están programadas visitas culturais polo municipio e algunha que outra saída á praia. Os xogos populares e as actividades musicais completarán un amplo programa repleto de diversión, aprendizaxe e moitas sorpresas.

Concello de Ponteceso