Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O alcalde achegouse ata a escola infantil de Tella para visitar a súa horta ecolóxica e supervisar os traballos do alumnado

Lois García Carballido anunciou a intención do Concello de instalar invernadoiros nas escolas do municipio

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, achegouse ata as instalacións da escola infantil de Tella, pertencente ao CRA Nosa Señora do Faro, para visitar a súa horta ecolóxica e coñecer de primeira man o traballo realizado pola dirección e o alumnado no curso académico que está a piques de rematar.

En compañía da directora e da mestra do centro, o rexedor municipal seguiu con atención as explicacións da cativada sobre os progresos realizados na horta escolar. Así mesmo, os pequenos/as aproveitaron a presenza dalgunhas familias que acudiron acompañadas de futuros alumnos/as, para amosarlles a gran variedade de cultivos e flores que posúen e ata se atreveron a realizar unha sesión teórico-práctica en directo detallando, por exemplo, como se planta o millo e as fabas.

O alcalde comprometeuse a instalar proximamente un rego para dar continuidade aos traballos xa iniciados no centro coa recente construción de bancais baixo a dirección e supervisión da mestra. A seguinte actuación do goberno municipal será a creación de invernadoiros en todas as escolas do termo municipal, para o que solicitará a colaboración da Consellería de Medio Rural. Deste xeito, o Concello de Ponteceso pretende apostar por un modelo educativo máis comprometido e respectuoso coa contorna, promovendo novos hábitos de vida máis saudables e en contacto coa natureza dende idades temperás como está a facer dende hai tempo o CRA Nosa Señora do Faro, polo que foi distinguido o pasado mes de novembro co premio "Líderes en Calidade", outorgado pola Fundación Expourense en recoñecemento ao seu modelo de xestión e ao seu compromiso coa calidade e o medio ambiente.

Concello de Ponteceso