Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso e a Secretaría Xeral para o Deporte asinan un convenio para a construción dun pista de pádel en Corme

A futura instalación, que estará situada xunto ao pavillón polideportivo, permitirá ampliar a oferta deportiva municipal e atender as novas demandas da veciñanza

O Concello de Ponteceso vén de asinar un convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para a construción dunha pista de pádel en Corme co obxectivo de incrementar así as instalacións deportivas de uso público e ampliar a oferta de actividades dentro do noso municipio. No acto estiveron presentes, ademais do alcalde, Lois García Carballido, e o secretario xeral José Ramón Lete, a concelleira de Deporte, Raquel Fondo; o edil de Obras, Miguel Ángel González, e o presidente da asociación deportiva Vidú, Martín Varela.

A creación desta nova pista, que estará situada xunto ao pavillón municipal, vén a reforzar o compromiso do actual goberno local co deporte para promover hábitos de vida saudables e atender as novas necesidades e demandas da veciñanza, incrementando así a actual oferta deportiva municipal.

O rexedor municipal tamén fixo mención á estreita colaboración que o consistorio mantén coas entidades deportivas locais como é o caso de Vidú “coa que traballamos moi activamente facendo torneos de fútbol base con máis de 500 nenos”.

Ademais, García Carballido aproveitou a ocasión para anunciar a súa intención de converter a vila mariñeira de Corme nun referente deportivo coa posta en marcha do I Torneo internacional de fútbol praia, tras o éxito acadado o ano pasado durante unha competición celebrada na vila.

Grazas a este convenio, a Secretaría Xeral para o Deporte asumirá a totalidade do custe da nova instalación, cuxas obras darán comezo en breve e terán un orzamento de 36.321,28 euros.

Concello de Ponteceso