Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

SANIDADE PECHA A SITUACIÓN DE ALERTA E LEVANTA A RESTRICIÓNS SOBRE O CONSUMO DA AUGA DA TRAÍDA MUNICIPAL DE CORME

O alcalde agradece a colaboración do voluntariado de Protección Civil, amosa a súa solidariedade coas persoas afectadas e expresa o seu compromiso de seguir coa folla de ruta para ter un diagnóstico do que pasou e executar as melloras necesarias

A Consellería de Sanidade pecha a situación de alerta e levanta a restrición do consumo de auga da traída municipal de Corme-Porto. O departamento sanitario recibiu esta mañá as analíticas do Laboratorio de Saúde Pública da Xunta e da empresa xestora do abastecemento. Os resultados de ambas as dúas son coincidentes e acreditan a non contaminación microbiolóxica nin por norovirus (axente causal do abrocho de gastroenterite), polo que se considera que a inxesta da auga da devandita traída cumpre cos requisitos esixidos que garanten a súa potabilidade e o seu consumo.

A vista dos resultados das analíticas, o equipo do abrocho de gastroenterite procede ao peche da situación de alerta e comunica ao Concello de Ponteceso o levantamento da restrición de consumo da agua do abastecemento municipal en Corme, sempre que se manteñan as condicións actuais do abastecemento e dos autocontrois da traída.

Tamén foron favorables as medidas correctoras realizadas pola empresa xestora responsable do servizo de abastecemento. As mostras de auga foron tomadas pola devandita empresa nos mesmos puntos onde se atoparan importantes niveis de contaminación fecal, e tras adoptar as correspondentes medidas. Na notificación que a empresa remitiu á Consellería de Sanidade indícase que os resultados son favorables e indican que a auga da traída de Corme é potable.

O alcalde de Ponteceso, pola súa banda, quixo amosar o seu agradecemento ao voluntariado de Protección Civil polo gran labor desenvolvido durante a crise. Lois García Carballido expresou tamén a súa solidariedade coas persoas afectadas e reafirmou o seu compromiso de continuar coa folla de ruta establecida co obxectivo de ter unha diagnose do ocorrido para executar as melloras necesarias. Tamén agradeceu á Deputación Provincial da Coruña o apoio trasladado a través do deputado Blas García (na imaxe, na visita que realizou onte a Corme acompañado polo alcalde).



Descargas asociadas

Ligazóns recomendadas


Concello de Ponteceso