Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Ponteceso e Cabana poñen en marcha a segunda edición do proxecto de cooperativismo organizado pola Unión de Cooperativas Galegas

-Trátase dunha nova acción formativa gratuíta incluída no programa de actuación 2020 da Rede Eusumo

-O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 20 de xaneiro ata o 5 de febreiro

Os concellos de Ponteceso e Cabana volven a unirse para poñer en marcha a segunda edición do proxecto de cooperativismo, promovido pola Unión de Cooperativas Galegas Espazo Coop dentro do programa de actuación 2020 da Rede Eusumo.

Tras o éxito de participación da primeira edición, centrada na dinamización do cooperativismo que se celebrou no noso municipio o pasado mes de decembro, agora será a quenda de Cabana, que acollerá a celebración dun obradoiro sobre “Ideas cooperativas en acción”.

Con esta nova acción formativa, dirixida a persoas interesadas no emprendemento cooperativo, socios/as e persoal de cooperativas e público xeral interesado, preténdese mostrar aos participantes, a través dunha metodoloxía activa e participativa, cales son as condicións e pasos para emprender unha cooperativa, coñecer que analizar para facer da nosa idea un proxecto viable, avaliar o grupo emprendedor e elaborar un plan de empresa.

O programa constará de 4 sesións de cinco horas de duración cada unha, que se desenvolverán os días 10, 12, 17 e 19 de febreiro, de 09.30 a 14.30 horas, na Casa da Cultura de Cabana de Bergantiños. As persoas interesadas en participar (mínimo 10 e máximo 20) poderán inscribirse enviando un correo electrónico cos seus datos a mariajose.pensado@ponteceso.gal ou silvana.facal@cabana.gal ou chamando aos teléfonos 981 715 442 (Ponteceso) e 981 754 020 (Cabana). O prazo de inscrición permanecerá aberto do 20 de xaneiro ao 5 de febreiro, ambos incluídos. Dita formación será de balde.

Programa
Módulo 1. Identificar o proxecto cooperativo
Módulo 2. Analizar as áreas comerciais e de mercado
Módulo 3. Estudar a viabilidade económica e financeira
Módulo 4. Planificar a área organizativa e os trámites de constitución.

A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

Concello de Ponteceso