Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O deporte cedeu o protagonismo á solidariedade no partido contra o cancro que estreou o renovado campo de fútbol do Pinguel

O encontro entre as ?vellas glorias? do Puenteceso SD e os Veteranos do Deportivo da Coruña rematou cun 3-6 no marcador e o apoio unánime de toda a sociedade na loita contra o cancro

O campo do Pinguel non podía contar cunha estrea mellor! Unha afección totalmente entregada ateigou o novo céspede municipal para presenciar un partido único no que se enfrontaron as ?vellas glorias? do Puenteceso SD e os Veteranos do Deportivo da Coruña, e que finalizou co marcador 3-6 a favor dos ex-deportivistas.

Pero hoxe o resultado deportivo cedeu protagonismo á solidariedade, que se converteu na auténtica vencedora desta xornada festiva con máis de 600 entradas e preto de 1.000 rifas vendidas e cuxa recadación irá integramente destinada á Asociación Española contra o Cancro.

A interpretación do Himno Galego, a cargo da artista local Clara Amado, acompañada ao piano por un dos integrantes do grupo musical MyWay, marcou o inicio da xornada inaugural do remodelado campo do Pinguel, que resultou todo un éxito de organización e participación. Ninguén quixo perder a oportunidade de colaborar e sumarse a esta nobre causa ademais de ver sobre o terreo de xogo algunhas das caras históricas do deportivismo como Nando, Dani Mallo ou Donato, encargado de realizar o saque de honra ante a ausencia da actriz Isabel Blanco, debido a un imprevisto de última hora.

O bo tempo tamén quixo sumarse a esta xornada festiva, na que predominaron os ceos despexados e unha temperatura moi agradable, que fixo que o numeroso público situado a pé de campo puidera desfrutar ao máximo dun encontro único marcado polo compañeirismo e a amizade dentro e fóra do terreo de xogo. E non só entre os vetaranos, senón tamén nas categorías inferiores como demostraron os xogadores prebenxamíns do Puenteceso SD e o Concello de Zas durante o mini-partido que disputaron no tempo de descanso.

Sorteo
Unha vez finalizado o partido procedeuse ao sorteo de dúas camisetas e unha sudadeira, doadas polo Deportivo da Coruña e nas que figuraba a sinatura de todos os xogadores. Tras unha primeira volta, na que non apareceron os posuidores dos boletos gañadores, realizouse unha segunda e os premios recaeron en Alba Eiroa (nº 039), Brais Pose (nº 024) e Carlos Suárez (nº 957).

Ao remate, a concelleira de Deporte, Raquel Fondo, agradeceu a colaboración desinteresada de todas as persoas, empresas e entidades que fixeron posible ?que hoxe Ponteceso se converta nunha gran festa non só do deporte, senón tamén e, sobre todo, da solidariedade?, apuntou. Pola súa banda, a presidenta da Xunta Local AECC Cabana de Bergantiños, Julia Blanco Fondo, tamén quixo dar as grazas ao Concello de Ponteceso ?pola excelente organización dun evento, que logrou reunir a centos de persoas remando nunha mesma dirección e de maneira totalmente altruísta, desde o público ata os xogadores, árbitros, artistas e empresas colaboradoras?, manifestou.

Concello de Ponteceso