Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso pon 10 ordenadores portátiles a disposición de estudantes de familias en situación de vulnerabilidade

Os equipos foron doados pola empresa ADP Renováveis

O Concello de Ponteceso, para facilitar ás familias con menos recursos a posibilidade de que os nenos e as nenas poidan acceder a contidos educativos online, pon á súa disposición 10 ordenadores portátiles doados pola empresa EDP Renováveis. O alcalde, Lois García Carballido, agradece o xesto da compañía eléctrica portuguesa, “que mira polo futuro dos veciños e veciñas máis novas, nun momento no que a responsabilidade social corporativa do tecido empresarial debe apostar pola solidariedade, a través de pequenas accións que permitan que ninguén se quede atrás debido a crise sanitaria provocada polo COVID-19, especialmente as persoas máis vulnerables”.

O departamento de Servizos Sociais xa identificou ás familias en situación de vulnerabilidade que carecen dos recursos tecnolóxicos precisos para continuar co curso escolar nos seus fogares, e ás que se lles están entregando estes días os ordenadores. Dende o Concello de Ponteceso tamén se ofrece ás familias que o precisen asesoramento para a adquisición de produtos tecnolóxicos no comercio local.

“Con esta iniciativa queremos contribuír á igualdade de oportunidade educativas e axudar a que unha decena de nenos e nenas do noso concello manteñan, na medida do posible, o ritmo deste anómalo curso escolar”, sinalou o alcalde.

Concello de Ponteceso