O goberno local mantén o seu compromiso coa renovación das paradas de bus do termo municipal. Trátase dun compromiso que o executivo acaba de referendar coa mellora dunha situada na parroquia de Cores, moi empregada tanto para o transporte discrecional como para o escolar. O alcalde, José Manuel Mato, apunta que estas actuacións están realizándose grazas á colaboración coa Xunta de Galicia, e agradece o compromiso amosado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, "con quen se mantivo unha reunión para solicitar a súa axuda na renovación destas paradas".

A previsión, como sinala o rexedor, é que a esta actuación lle sigan outras similares en diversos puntos do concello. Mato lembra que a mellora e acondicionamento destas estruturas foi unha das "tarefas que nos marcabamos desde o principio, que seguimos cumprindo e que queremos manter con máis intervencións". Ata o de agora, ademais da de Cores, o Concello renovou un total de cinco marquesiñas en Langueirón, Limiñoa, Tallo e Corme-Aldea.