A futura Casa do Maior da Campara, na parroquia de Cores, está cada vez máis preto de ser unha realidade. Así o confirma o alcalde, José Manuel Mato, en base á resolución publicada, esta mañá, pola Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, e na que se lle concede ao Concello unha axuda de 53.153,00 euros para a instalación.
O rexedor agradece a colaboración da Xunta de Galicia, que cualifica de "esencial para seguir avanzando na posta en marcha de políticas de benestar e envellecemento activo no concello". En particular, dálle as grazas á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e ao director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, “pola boa acollida e interese que amosaron respecto das nosas peticións”. José Manuel Mato incide na importancia deste servizo, especialmente tendo en conta “que se implantará na zona do municipio onde hai un maior número de persoas maiores” e avanza que a intención do goberno local será “seguir traballando para dispor de máis espazos destas características”.
Trataríase, tal e como lembra o primeiro edil, da segunda instalación destas características que se inauguraría no termo municipal desde a súa chegada á Alcaldía. A primeira, a do Couto, abriu as súas portas en xaneiro deste ano e supuxo a ampliación das prazas de atención diúrna no municipio ata un total de dez.
En ambos os casos, no do Couto e A Campara, a posta en marcha destas dependencias é froito do traballo conxunto entre o Concello e a Xunta para responder ás necesidades sociais e ofrecer servizos de proximidade que melloren o día a día dos veciños e veciñas.