Ponteceso viviu hoxe un día histórico. Un no que se anunciou a construción dunha residencia para maiores, a primeira do municipio e cuxa apertura se prevé para o 2028. O proxecto desenvolverase da man da iniciativa privada e contará coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello. O alcalde, José Manuel Mato, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, foron os encargados de anunciar esta infraestrutura, que estará situada en pleno núcleo urbano e disporá de 140 prazas.
Á xornada asistiron, así mesmo, o director xeral de Maiores e Atención Sanitaria, Antón Acevedo, a delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén do Campo, alcaldes e concelleiros dos concellos da contorna e veciños e veciñas.
O rexedor amosou a súa satisfacción pola próxima disposición desta prestación, que suporá "dar un enorme salto en canto á calidade de vida e benestar da veciñanza". Con todo, tal e como explicou o primeiro edil durante a súa intervención, ademais do beneficio directo para os máis maiores, a apertura desta instalación funcionará como un estímulo para o emprego, "xerando 90 postos de traballo directos".
Mato agradeceu á empresa impulsora e deu as grazas á conselleira de Política Social pola súa "colaboración e implicación por seguir mellorando o día a día dos nosos maiores".
Investimento de 12 millónsNa cita, o arquitecto da residencia, Blas Tojo, realizou unha explicación do proxecto. Ademais de dar conta dos detalles construtivos e da disposición dos andares, avanzou que se prevé mobilizar un investimento duns 12 millóns de euros. No referente aos prazos, Tojo explicou que a intención é dispor de todos os permisos nun prazo de seis meses para iniciar as obras. Todo coa vista posta en que o edificio estea en funcionamento de cara ao 2028.
O proxectoTal e como se expuxo, o de Ponteceso será un centro residencial de vangarda de case 6.000 metros cadrados. O espazo contará con 140 prazas a estará organizado en unidades de convivencia e varios apartamentos tutelados. Deste xeito, os andares 1, 2 e 3 serán de residencia e haberá dúas unidades de convivencia de 22 prazas por cada piso. En canto aos apartamentos, estes estarán localizados no baixo e no baixocuberta.
No que respecta á localización, a residencia estará situada nun lugar estratéxico, en pleno núcleo urbano.