Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O goberno municipal presenta unha proposta para declarar o 2020 Ano Internacional de Mourelle

-O 24 de maio conmemorarase o 200º aniversario do pasamento do ilustre cormelán

-Onte celebrouse unha primeira toma de contacto co movemento asociativo para preparar a organización dos actos

O vindeiro 24 de maio conmemorarase o 200º aniversario do pasamento do ilustre cormelán Francisco Antonio Mourelle da Rúa. O goberno municipal de Ponteceso non quere deixar pasar de longo unha efeméride tan simbólica, e por iso na Comisión Informativa de Asuntos Xerais convocada para este martes 21, previa ao pleno, presentará unha proposta para declarar o 2020 Ano Internacional de Mourelle.

O goberno municipal impulsará, así mesmo, a creación dunha comisión veciñal para a organización dos actos conmemorativos. De feito, onte celebrouse xa unha primeira toma de contacto na que se puxeron sobre a mesa diferentes propostas.

Gran mariño
Francisco Antonio Mourelle da Rúa naceu en San Adrián de Corme o 17 de xullo de 1750 e morreu en Cádiz o 24 de maio de 1820. Este ilustre cormelán, que ingresou na Escola de Pilotos de Ferrol aos 13 anos, foi oficial da Armada Española e acadou gran sona grazas á súa participación en varias expedicións organizadas pola Coroa dende a base de San Blas (México).

Fixo un excelente equipo co tenente de fragata Juan Francisco Adega, co que explorou as costas de Alaska. Unha das illas que descubriu, no arquipélago «Discovery Islans», en Canadá, chámase precisamente «Maurelle», así escrito despois polos franceses, na súa honra. Mourelle escribiu un excelente diario das súas navegacións e descubrimentos que sería utilizado por outros navegantes como o famoso James Cook. A súa carreira continuou con novos descubrimentos no Pacífico (Illas Salomón, Vava?u no arquipélago de Tonga, e outras).

Xa de volta en España, exerceu diversos mandos e participou en máis de 40 combates contra os ingleses nas costas de Cádiz, chegando a afundir 16 naves inimigas. Na Guerra da Independencia contra os franceses tomou parte na rendición da Escuadra de Rosilly.

Os seus restos mortais repousan no Panteón de Mariños Ilustres desde 1891.

Concello de Ponteceso