Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O goberno de Ponteceso presenta un plan único baseado na axuda aos autónomos e as peticións das asociacións do Concello

O goberno municipal de Ponteceso presentará o próximo xoves ás 20 horas unha proposta de plan único baseada na necesidade de transferir cartos aos autónomos e atender as necesidades das asociacións deportivas e culturais do municipio.
O goberno pontecesán emprendeu unha rolda de reunións e visitas aos locais das asociacións, así como aos campos do Pinguel e o Cairo, para coñecer as melloras que propoñen as asociacións. Moitas das propostas figuran como proxectos neste plan de obras; outras faranse coa partida de fondos propios municipais se se aproba o destino de 249.000 euros do plan único para gasto corrente, e outras coa aportación municipal a subvencións da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial da Coruña e do Estado.
Desglose da proposta do Goberno de Ponteceso
En primeiro lugar, pagamento a provedores as facturas pendentes, que alcanzan un total de 254.511 euros. O goberno cre que a prioridade neste momento é transferir fondos aos autónomos, por iso dedica a máxima cantidade ao pago a provedores. Moitos deles son autónomos de Ponteceso.
Doutra banda, financiamento do gasto corrente do Concello de Ponteceso, por un total de 249.466 euros. Ponteceso dedica uns 300.000 euros do orzamento anual ao financiamento dos servizos básicos. Sen esta partida, o Concello non pode participar en subvencións da Xunta ou do Estado, nas que a aportación municipal é do vinte ao cincuenta por cento. Tampouco pode financiar os gastos correntes, prexudicando os servizos públicos.
Mellora da vía do Couto en dirección Cerezo, por 47.339 euros, solicitada pola Asociación Cultural Monte Branco. Trátase de mellorar o tramo de estrada que queda entre a estrada da Xunta, onde se van facer as sendas, e o cruce que vai a Cerezo e á Casa do Concello. Aprovéitanse o ancho para mellorar o acceso peonil.
Ademais, reducirase a débeda a cero euros. A pesar de que Ponteceso ten un crédito de 1 millón de euros da época da maioría absoluta do PP en Ponteceso, non se pode financiar con cargo a esta partida provincial.
Tamén se desenvolverán dous plans complementarios. Dunha banda, un proxecto de mellora do viario de Nemeño a Niñóns polos Ánxeles, o que ascenderá a un total de 310.110 euros.
O proxecto inclúe, en primeiro lugar, os viarios de Niñóns a Nemeño polos Ánxeles, con dous ramais, as Herencias e a praza da Igrexa de Nemeño, por 92.516 euros. Esta mellora foi solicitada pola Asociación A Xolda de Cores Nemeño.
Tamén abrangue a mellora da seguridade vial de Currás ao Xuncal pequeno, coa instalación de viondas quitamedos e o pintado integral da vía, máis a prohibición de acceso ás dunas en coche, medidas solicitadas pola Asociación Cultural Monte Branco. Todo isto ascenderá a 8.119 euros.
Ademais, mellorarase o acceso á pista do Toural en Corme Aldea (29.922 euros), a estrada da Pedra da Serpe a San Hadrián de Corme Aldea (54.851 euros) e o camiño de acceso a Froxán de Corme Aldea (30.777 euros). Estas tres melloras foron solicitadas pola Asociación San Hadrián de Corme Aldea.
Por parte das peticións da Asociación A Xolda de Cores Nemeño mellorarase a pista dende o cruce de Miraflores á marquesina da Campara (12.166 euros), a pista dos Torrados a Santa Cruz, (50.051 euros) e o camiño da Campara ao Castro (28.496 euros).
Ademais, tamén se inclúe neste primeiro proxecto a xestión de residuos de todas as obras, que ascenderá a un total de 3.213 euros.
O segundo proxecto complementario consistirá na mellora do acceso ao núcleo de Balarés e senda peonil ao novo aparcamento da Deputación, por 69.000 euros, solicitada pola Asociación Cultural Monte Branco.
O gasto social irá directo a financiar a dependencia e o Plan de Emprego Social de Ponteceso
A parte social do plan da Deputación irá destinada á financiación da parte que paga o Concello da dependencia, con 51.191 euros. O resto do plan irá destinado a estender a todo o 2021 o Plan de Emprego Social do Concello de Ponteceso, polo que foron contratados 16 operarios e operarias de servizos básicos que estaban en risco de exclusión social. A esta medida destínanse 100.000 euros.
O Goberno convocou dúas comisións informativas, pero Apin, PP e os cinco concelleiros expulsados do PSOE non chegaron a un compromiso para aprobar o plan
O Goberno convocou dúas comisións informativas con Apin, PP e tres dos cinco concelleiros expulsados do PSOE. Sen embargo, non foron capaces de alcanzar ningún compromiso para aprobar o POS, como fixeron outros grupos da oposición en toda a provincia.

Concello de Ponteceso