Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso organiza un concurso de Entroido en liña

A Concellería de Cultura do Concello de Ponteceso organiza a celebración do Entroido deste 2021 con carácter online para promover a festa tradicional popular do Entroido tendo en conta as circunstancias provocadas pola pandemia do COVID-19. Por mor desta, o acto levarase a cabo a través de actividades en liña (a través da conta de Facebook municipal) dirixidas ao público en xeral desde o 10 ao 17 de febreiro, aproximadamente, e nas que poderán participar todas as persoas, establecementos e comercios locais que o desexen.

O evento contará con tres categorías: disfraces tradicionais de Entroido, gastronomía tradicional de Entroido e locais entroideiros. Para participar na primeira categoría, a persoa ou grupo que o desexe enviará unha fotografía xunto co nome, apelidos e DNI, coa súa caracterización tradicional de Entroido, a cal consistirá en caracterizarse de tempos entroideiros pasados, tradicionais e que serán de elaboración propia.
En segundo lugar, a categoría de gastronomía tradicional de Entroido consistirá na elaboración dunha receita entroideira típica e tradicional e enviala nun vídeo de duración máxima de 60 segundos, xunto co nome, apelidos e DNI.

Por último, na categoría de locais entroideiros, aqueles comercios e establecementos do Concello de Ponteceso que o desexen, enviarán tres fotografías da decoración entroideira do seu local xunto co nome do establecemento e DNI do titular.

Os vídeos e fotografías deben enviarse entre o 8 e o 14 de febrero, ambos inclusive, a través de WhatsApp ao número de teléfono de Cultura (630 907 124). O luns 15 e o martes 16 de febreiro estará aberta a votación no Facebook do Concello de Ponteceso, ata as 00:00 horas do martes. O mércores 17 de febreiro, nesta mesma rede social, darase a coñecer o/a gañador/a de cada unha das tres categorías (un único gañador/a por categoría). Non participarán no concurso aquelas fotografías ou vídeos que non correspondan coa temática tradicional. A organización poderá descualificar aquelas propostas que se consideren vexatorias.

Os premios deste concurso en liña serán de 200 euros para a categoría de establecementos entroideiros, 100 euros na categoría de gastronomía tradicional e 50 para o disfraz tradicional. O pagamento dos premios, outorgados a aquelas fotografías e vídeos que obtivesen máis “me gusta” no Facebook municipal en cada categoría, realizarase mediante transferencia bancaria, ao titular da conta bancaria asociada ao premio, a cal deberá presentar no departamento de Cultura unha vez proclamado premiado.

Podes consultar as bases completas no pdf adxunto.

Descargas asociadas


Concello de Ponteceso