Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Ponteceso, dos primeiros concellos da provincia en seleccionar as persoas traballadoras do Plan de Emprego Local

A Deputación Provincial da Coruña concedeu 74.000 euros ao municipio, o dobre que no 2020

Ponteceso é un dos primeiros concellos da provincia da Coruña en ter selecionado, por concurso-oposición, ás cinco persoas que van ter contrato como mínimo ata finais de novembro como parte do Plan de Emprego Local, aínda que o desexo do Concello é que estean ata fin de ano, se hai fondos suficientes. A Deputación Provincial da Coruña, que preside Valentín González Formoso, duplicou os fondos este ano para a contratación de persoas desempregadas en Ponteceso. No ano da pandemia, aumentouse de 37.000 euros no 2020 a 74.000 euros para o 2021.

Publicada a acta da comisión de selección que crea, ademais, unha Bolsa de Emprego para substitucións, baixas e novas contratacións sociais, como o persoal de limpeza de praias
A acta da comisión de selección xa está publicada na web municipal. As persoas candidatas poden presentar alegacións e a documentación esixida nas bases durante tres días hábiles. A intención do goberno local é que poidan empezar a traballar en abril, desempeñando as súas funcións de luns a domingo cos descansos correspondentes (37.5 horas por semana).
Os perfís seleccionados foron un condutor/a, dous albaneis e dous operarios/as de servizos básicos. Os condutores/as foron examinados no uso do camión guindastre e cesta municipal e están provistos do curso denominado CAP que os habilita para conducir este vehículo.
Tamén van permitir que o tractor municipal de desbroce, cunha máquina moi avanzada que foi comprada en 2016 cunha subvención da Deputación da Coruña, funcione máis horas por semana. As persoas operarias que non entren a unha das dúas prazas van poder traballar na limpeza de praias, que a Deputación subvenciona con 33.840 euros no Concello de Ponteceso.
O Concello vai seguir convocando prazas de emprego ata esgotar os recursos propios, toda vez que 2021 vai ser un ano para “apretar o cinto”
O Concello vai seguir contratando todas as prazas de emprego público posibles, aproveitando subvencións e fondos propios ata esgotar as partidas. A non aprobación do POS 2021 sitúa ao Concello nunha situación límite, como explicou o Alcalde: “O ano pasado, a Deputación ingresounos 385.000 euros para gasto corrente. Con eses cartos pagamos, por exemplo, o gasoil e mantemento do tractor de desbroce e o camión guindastre con cesta, o material de construción para os albaneis do PEL e o material para desbroce, lavado a presión das rúas e beiravías e a roupa e equipos de protección de todos os traballadores e traballadoras. Este ano, que a Deputación bate récords de transferencia de fondos aos concellos, seguro que íamos recibir incluso máis. O POS 2021 perdeuse; agora hai que apretarse o cinto e renunciar a moitas cousas”.

Bolsa de Emprego conformada por un total de 21 nomes
A bolsa de emprego de condutores/as quedou conformada por un total de 3 persoas, a de albaneis por 6 e a de operarios/as por 12. As candidatas e candidatos que están en máis dunha lista, poden elixir a praza cando os convoquen, sen desaparecer por iso das listaxes nin perder o posto correspondente. Esta bolsa de emprego manterase durante tres anos, permitindo así unha maior axilidade na contratación cando haxa máis fondos, novas subvencións, baixas ou renuncias.

Operarios/as do PEL e do Plan de Emprego Social municipal van recibir información específica en xardinería pola concesionaria municipal
O Alcalde de Ponteceso e o xerente da empresa concesionaria do servizo de xardinería, mantemento de parques infantís e biosaudables, e campos de fútbol de herba artificial chegaron a un acordo para que a empresa, sen custe ningún para o concello, dea formación específica en xardinería aos operarios/as municipais do PEL e do plan de emprego social do Concello de Ponteceso.
O Alcalde explicou o proxecto: “En moitas aldeas de Ponteceso, que están fora do contrato de xardíns, queremos intervir en recunchos abandonados, para realzar aínda máis a beleza dos nosos fermosos nucleos rurais, e imos facelo aproveitando a colaboración desinteresada da empresa, que sacou a concesión por concurso aberto. As nosas traballadoras e traballadores vanse formar na xestión de zonas verdes e creación destes microxardíns que aledan moito os recunchos das nosas aldeas. Queremos agradecer a responsabilidade social da empresa concesionaria ao proporcionar esta formación de xeito desinteresado e gratuíto para o concello a persoas ás que lles ven moi ben capacitarse para logo insertarse no mercado laboral. Ponteceso leva dous anos co galardón Vilas en Flor e queremos seguir mellorando en ter un concello verde e bonito”.

Concello de Ponteceso