Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Benvida

Benvida


DISCURSO DE INVESTIDURA COMO ALCALDE DE PONTECESO

Secretaria dona Cristina Castro, Interventora dona Lucía Mata, membros da nova corporaciòn municipal, don José Luis Fondo, alcalde de Ponteceso durante 22 anos, persoas veciñas e amigas .

Quero agradecer en primeiro lugar á veciñanza de Xornes, Tallo, Pazos, Langueirón, Cores, Brántuas e Niñóns, Corme Aldea, Corme Porto, Tella, Cospindo, Anllóns, Nemeño e A Graña pola oportunidade de servir a Ponteceso durante catro anos como o voso Alcalde. Quero agradecer a José Manuel e Marco de Apin e a Carlos do BNG a vosa confianza depositada en min para ser o Alcalde de todos e todas os veciños e veciñas de Ponteceso.

Eu non tería chegado aquí sen o apoio de Encarna, unha rapaza de Carballido, o meu gran amor e soporte, así como a axuda de Antonio e Prudencia e os seus fillos. Gracias polos voso alento e pola vosa infinita paciencia. Aínda que hoxe non puideron estar aquí a estas horas tan tempranas da mañá, quero agradecer a meus pais por me dar unha boa educación e os valores que me guiaron ao longo da miña vida. Quero agradecer a todos e todas os que posibilitaron que un rapaz de familia obreira poida ter unha carreira e aprobar unha oposición de profesor para despois poder dedicarse a servir os seus veciños e veciñas. Quero agradecer a Pepe de Mato e a José Santos, e a todos os concelleiros que viñeron antes deles, por todo o que fixeron desinteresadamente por Ponteceso, e por todo o apoio que me brindaron nos catro anos que fun portavoz da oposición neste pleno. Quero agradecer especialmente ao meu Partido Socialista, e a todos e todas as persoas que me axudaron para que este día chegara, e hoxe teña a honra de dirixirme a vós como Alcalde de Ponteceso.

É un auténtico privilexio servir de Alcalde do pobo no que queres vivir toda a túa vida.

Queridos membros da Corporación, temos moito traballo, e importante, a facer xuntos para resolver os problemas de Ponteceso. Temos retos que ameazan o noso futuro: desemprego, emigración, débeda, insuficientes servizos ós maiores e dependentes, perda de poboación... e temos como obxectivo principal e urxente crear emprego e crecemento económico en todas as parroquias de Ponteceso.

Cada unha destas cuestións recibirán atención diariamente ao longo dos próximos catro anos. Podemos estar seguro de que estes van ser obxecto de atención específica por todas as áreas de goberno e imos poñer en marcha estratexias claras sobre como tratar con eles, así como temos proposto ao longo dos últimos catro anos. Para iso hai que estar unidos e gobernar para todos e todas as veciñas do Concello. As portas do Concello estarán abertas para todos.

Quero transmitirvos a idea de que hoxe empeza unha nova etapa na historia de Ponteceso. Quero transmitirvos o meu compromiso de evitar unha xeración perdida de mozos e mozas que teñan que marchar de Ponteceso para ter un traballo. Estamos a falar do presente e do futuro de Ponteceso, os nosos mozos e mozas. Con esforzo e ilusión comprométome hoxe aquí a poñer todos os recursos dispoñibles para que haxa emprego e futuro na nativa costa do prácido luar, que cantou o noso Poeta Eduardo Pondal.
Grazas a tod@s. Berremos tod@s xunt@s, que viva Ponteceso.

FOTO. Casal La Voz

SAÚDOS DO ALCALDE


Concello de Ponteceso