As accións vandálicas que se están a producir nas últimas semanas obrigan a repoñer continuamente algunha das 150 árbores plantadas pola área de Medio Ambiente
 550x.JPG)
Este domingo pola mañá volvían a aparecer árbores danadas no malecón de Ponteceso. Malia os labores de vixilancia que se están levando a cabo desde a área de Medio Ambiente, que depende da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo, este tipo de accións vandálicas están reiterándose dun tempo a esta parte, o que obriga a repoñer continuamente algunha das 150 árbores plantadas nos últimos meses.
O Concello de Ponteceso realizou un importante esforzo para aumentar e mellorar as zonas axardinadas do municipio. No último ano foron plantadas un total de 240 árbores de diferentes especies, 150 delas no malecón. Sen embargo, neste último espazo de ocio e desfrute para toda a poboación creado nas beiras do Anllóns son frecuentes, sobre todo ultimamente, os actos vandálicos contra a vexetación, con danos intencionados que provocan a morte das plantas. No que levamos de ano foron arrincadas e destruídas máis de 15. Esta fin de semana foron tres, ás que se sumaron un bo número de hortensias que acababan de ser plantadas na zona urbana do paseo.
Para intentar evitar que este tipo de accións incívicas continúen producíndose, desde a área de Medio Ambiente faise un chamamento á colaboración veciñal, e pídese ás persoas que pasean polo malecón, que cada día son máis, que comuniquen ao Concello de Ponteceso calquera incidencia coa finalidade de poder actuar contra os/as responsables.
A actividade, programada para o martes 24, está organizada pola Concellaría de Patrimonio

O concelleiro de Patrimonio, Carlos Penedo Casmartiño, está decidido a difundir a gran riqueza patrimonial que atesouramos, pero non só fóra do noso concello, senón, e sobre todo, entre os veciños e veciñas de Ponteceso. Nesa liña, o seu departamento organizou para mañá martes unha visita guiada para o alumnado do IES Eduardo Pondal, que terá a sorte de contar con dous guías de excepción, os arqueólogos Ana Isabel Filgueiras Rei e Antón Bouzas Sierra.
O grupo sairá do centro educativo ás 09.00 horas para iniciar un percorrido que levará ao alumnado por lugares de tanto interese como o Faro de Brantuas, o Petón da Campaíña, A Feiteiteira e a Praia da Ermida. E ao longo dese traxecto atoparán recursos arqueolóxicos tan destacados coma os petróglifos do Petón da Campaíña, o cruceiro de Corme Aldea, os petróglifos da Fieiteira e os da Regadiña e, xa no remate desta experiencia didáctica, a Pedra da Serpe.
A visita guiada terá unha duración aproximada de catro horas e media, e, aínda que se realizará en autobús, inclúe pequenos traxectos a pé na Fieiteira e a Pedra da Serpe.