Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A publicación sobre Langueirón e Xornes reflicte a aposta do Concello polo noso patrimonio como xerador de emprego

O Instituto de Estudos Bergantiñáns presentou o caderno, incluído na serie Andando por Bergantiños, nun acto moi concorrido. O sábado 17 guiará un percorrido polas dúas parroquias

O caderno da serie “Andando por Bergantiños” dedicado ás parroquias de Langueirón e Xornes convértese nun novo exemplo da aposta que está a facer o goberno municipal polo patrimonio e a riqueza natural do noso concello como elementos potenciais de xeración de emprego. Nestes termos expresouse o alcalde, Lois García Carballido, no concorrido acto de presentación celebrado o domingo pola tarde no local social de Xornes.

O alcalde quere que o 2018 sexa o ano da posta en valor definitiva do Anllóns, “e Xornes e Langueirón –argumentou- son dúas das parroquias que baña o noso río”. De aí a importancia dunha publicación que se converte, ademais, nunha ferramenta “para que os maiores poidan transmitir todas as historias que hai detrás dos tesouros que agochan as nosas parroquias”. Pero sobre todo é un elemento “para os que vivimos no rural presumamos do lugar no que queremos vivir”, engadiu.

García Carballido pechou o acto de presentación, que encheu o local de veciñas e veciños de todas as idades, da música das gaiteiras e pandereteiras da Asociación Cultural San Xoán de Xornes e tamén do exquisito aroma dos callos que se serviron ao remate do acto. E ben que prestaron despois do temporal de vento e choiva da fin de semana!

Xunto a el, na mesa presidencial, estiveron os seis autores do caderno -Xosé Antón Andrade Figueiras, Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan X. Fernández Carrera, Antón García Losada e Luís A. Giadás Álvarez-, que fixeron un percorrido tanto polo proceso de elaboración do traballo como por algúns dos aspectos particulares que recolle, tanto no que se refire ao patrimonio natural, como ao etnográfico ou ao relixioso, e mesmo á xeografía e á toponimia das dúas parroquias.

O caderno sobre Langueirón e Xornes, publicado polo Concello de Ponteceso, non só está xa nas casas de todas as persoas que se achegaron á presentación, senón que tamén será a guía para un percorrido que se realizará o vindeiro sábado 17. A saída será ás 09.30 desde a Pontedona.

Concello de Ponteceso