Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O alcalde demanda de Portos unha serie de actuacións para racionalizar o uso dos espazos portuarios en Corme

Lois García Carballido solicitou hoxe unha entrevista co presidente do ente público para abordar, entre outras cuestións, a ampliación das prazas de aparcamento

A ordenación e a racionalización do uso dos espazos portuarios de Corme é unha prioridade, e así llo vimos demandando desde o goberno municipal a Portos de Galicia desde fai tempo.

Unha das necesidades é o incremento das prazas de aparcamento, como tamén veñen reclamando tanto a Confraría de Pescadores coma a Asociación de Veciños, o que pasaría por eliminar a senda habilitada ao longo do muro da Mariña, xa que, ademais de suprimir un espazo moi necesario para os vehículos, carece de sentido tendo unha zona axardinada e un paseo xusto ao lado.

Para manter a boa relación entre o ente público -que ten a titularidade dos espazos portuarios- e o Concello de Ponteceso, que fixo posible un investimento de máis de 400.000 euros no porto de Corme no actual mandato, o alcalde, Lois García Carballido, presentou hoxe mesmo por rexistro unha nova solicitude de reunión co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, para reclamar unha vez máis o incremento dos espazos de aparcamento segundo o plano adxunto, xa que tal como se pintou coa última reforma redúcese o número de prazas, o que ten provocado numerosas queixas por parte da veciñanza e do sector da hostalaría.

Pero os aparcamentos son só unha das numerosas materias pendentes que ten Portos de Galicia con Corme. Así, en materia de comunicacións, desde o goberno municipal considérase tamén imprescindible a mellora do acceso ao porto para vehículos pesados e autobuses. García Carballido tamén demanda a cesión ao Concello de espazos portuarios que carecen de uso profesional, coma a Praza da Ribeira ou a Riñoneira, e ademais expresa a súa preocupación polas limitacións impostas polo ente público para a celebración de eventos e espectáculos nun espazo plenamente integrado na vida cormelá e cun indiscutible uso social.

O traslado dun sinal da Praza da Ribeira, como solicita a comisión de festas, e a necesidade de afrontar importantes investimentos pendentes, como a renovación da grúa do porto, figuran tamén na axenda do alcalde para a audiencia co presidente de Portos de Galicia.

Concello de Ponteceso