Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O cantante Manuel Couto e As Avoas de Laxe Teatro súmanse aos Domingos de Lecer no edificio das escolas municipais

A música e o baile volverán ao Centro Cultural o vindeiro 6 de maio e ao Fogar do Pensionista de Corme o día 27

A música, o baile e a diversión volven a Ponteceso da man dos Domingos de Lecer, unha iniciativa da Concellería de Servizos Sociais dirixida por Isabel Vuelta, que chega cargado de novidades con interesantes propostas abertas a toda a veciñanza. Ademais das habituais citas musicais, que cada domingo congregan a centos de veciños e veciñas no Centro Cultural de Ponteceso e no Fogar do Pensionista de Corme, a nova programación inclúe ademais un concerto musical e un espectáculo teatral dirixido ao público en xeral.

A primeira cita terá lugar hoxe domingo. A partir das 19:30 horas, o encargado de poñer o ritmo sobre o escenario será o cantante e compositor galego Manuel Couto, que ofrecerá un concerto no salón de actos do Edificio das Escolas de Ponteceso para presentar o seu 5º disco, Las coplas que nunca mueren, un traballo recompilatorio cos mellores temas da canción española. A entrada será libre e de balde.

Outra das sorpresas do mes de maio será a que dean As Avoas de Laxe Teatro nun espectáculo interxeracional que promete ser moi divertido, enxeñoso e cheo de sabedoría. Será o día 13, ás 19.30 horas, nas Escolas Municipais da vila.

O domingo 6 de maio, o baile e a música encherán de novo o Centro Cultural de Ponteceso coa actuación do Dúo Manu e Alberto Madaira. Ademais de música en directo, os xogos e as conversas entre amigos/as ocuparán boa parte das actividades que se desenvolverán de 6 a 9 da tarde.

A programación dos Domingos de Lecer rematará o día 27 nas instalacións do Fogar do Pensionista de Corme ao son do dúo formado por Carlos Manteiga e Melchor (ex-cantante de Los Satélites).

Con esta iniciativa, ademais de incrementar a oferta de ocio e tempo de lecer dos veciños e veciñas de Ponteceso, a Concellería de Servizos Sociais pretende promover entre os participantes novos hábitos de vida, máis activos e saudables, para combater o estrés, a depresión e o sedentarismo.

Concello de Ponteceso