Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Continúa aberto o prazo de inscrición para participar no programa Actívate da Concellería de Servizos Sociais

En xuño impartirase o curso de artes manuais e despois do verán será a quenda de memoria activa e novas tecnoloxías

A Concellería de Sanidade e Servizos Sociais, que dirixe Isabel Vuelta, xa está a organizar o que será o segundo obradoiro do programa Actívate 2018, unha iniciativa que deu comezo o pasado mes de abril coa intención de incrementar a oferta de ocio e o tempo de lecer dos nosos veciños e veciñas, mellorar a súa calidade de vida e promover a participación social.

Tras a boa acollida do curso de arranxos florais, impartido pola empresa de xestión social MáisPorvir na biblioteca do Centro Cultural de Ponteceso, agora tócalle a quenda ás artes manuais e, máis concretamente, á aprendizaxe da técnica patchwork, unha actividade na que os/as alumnos/as aprenderán a confeccionar orixinais deseños a partir da unión de anacos de telas e porán a proba a súa creatividade e bo gusto á hora de crear novas prendas. As clases, que se prolongarán durante todo o mes de xuño, terán lugar os martes e os xoves en horario de 17 a 19 horas na biblioteca de Ponteceso. A primeira sesión será o día 5.

Calendario
Despois da temporada estival, retomarase o calendario de actividades cun obradoiro de memoria activa, previsto para os meses de setembro e outubro. As sesións serán impartidas todos os luns e mércores, de 17:30 a 19:30 horas, ao igual que as do obradoiro de novas tecnoloxías, que será o último en sumarse á programación.

As persoas que estean interesadas en participar en calquera dos obradoiros que se van celebrar ao longo de 2018, aínda están a tempo de anotarse no departamento de Servizos Sociais do Concello de Ponteceso ou chamando aos teléfonos 981 971 594 (Rosario) e 881 983 233 (Loli).

Concello de Ponteceso