Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Nun só ano o Concello de Ponteceso reduciu de 403 a 35 días o período medio de pago a provedores

A xestión económica do actual goberno municipal reflíctese nunha mellora de todos os indicadores económicos, cun superávit histórico que nos permitirá investir máis

A xestión do actual goberno municipal fixo posible que a situación económica do Concello de Ponteceso dese un xiro de 180 graos en só un ano. O control, a seriedade e a rigorosidade que caracterizan a xestión municipal reflíctese en todos os indicadores económicos. De feito, en 12 meses conseguimos un superávit histórico, o período medio de pago a provedores pasou de 403 días no primeiro trimestre do 2017 a 35 no primeiro trimestre do 2018, e ademais batemos un récord de investimentos en obras. No pleno ordinario deste luns 28 presentaremos a liquidación do orzamento do 2017, segundo a cal o Concello de Ponteceso cumpre a regra de gasto, o plan de axuste e o plan económico financeiro.

Un dos obxectivos que se marcou o actual goberno municipal foi a redución da elevadísima débeda que tiña o Concello de Ponteceso cos seus provedores. No ano 2017 conseguimos reducir o volume de facturas pendentes en 1.572.181,01 euros, e no que vai do 2018 rebaixamos esa débeda en 200.000 euros máis. Ademais, por primeira vez, no ano 2018 non figuramos entre os 13 concellos da provincia que dedican fondos do plan de obras da Deputación a pagar facturas.

Fronte ao malgasto optamos pola contención e o aforro, e os resultados desa política tradúcense nun superávit de 1,3 millóns de euros e un remanente de case 1,7 millóns malia ter todas as taxas conxeladas. Fronte ao incremento da presión fiscal pola que optaron noutros concellos, en Ponteceso apostamos polo control da débeda, do gasto en persoal e do gasto corrente, e deste xeito non só acadamos resultados económicos históricos, senón que conseguimos bater un récord de investimentos en obras coma a ponte da Garga.

Valoración do alcalde
“O 2018 vai ser un ano espectacular”, anuncia o alcalde, Lois García Carballido. “Antes do 2016 o orzamento de Ponteceso nunca pasara dos 5 millóns de euros, pero este ano, cando se incorporen todas as transferencias pendentes da Deputación Provincial, imos pasar de 7 millóns”.

Fronte á case nula aportación da Xunta de Galicia á recuperación económica do noso concello, o alcalde destaca a realizada especialmente pola Deputación e en menor medida polo Estado ao conceder carencias no préstamo para o pago a provedores.
“Esta é a política que temos que levar –asegura García Carballido- porque nos deixaron un Concello con 5,5 millóns de débeda, 3 millóns en créditos bancarios e o resto en facturas e remanente negativo. Agora temos controlada a amortización da elevada débeda bancaria con carencias polo 75% do seu importe. Prometéramos baixar medio millón por ano, pero conseguimos baixar un millón. No conto fomos a formiga, os outros eran a carricanta. Agora que pasamos o verán almacenando gran tócanos darlle á veciñanza os froitos en forma de baixada de impostos e investimentos para modernizar Ponteceso”, rematou.

Concello de Ponteceso