Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Queres coñecer o conxunto etnográfico do Rego das Bouzas? Apúntate á visita que realizaremos este venres 8

A Concellaría de Patrimonio e a asociación Monte Branco organizan unha ruta guiada polos arquitectos redactores do proxecto de recuperación que se está a levar a cabo

A Concellaría de Patrimonio e a asociación Monte Branco convídante a coñecer o conxunto etnográfico do Rego das Bouzas nunha visita única, xa que será guiada polos arquitectos Dulcemaría Trigo Cousillas e Juan Manuel Doce Porto, autores do proxecto de recuperación que estamos a levar a cabo. A ruta está prevista para este venres 8 a partir das 18.00 horas, e as persoas interesadas só teñen que estar no Rego das Bouzas á hora fixada.

O Concello de Ponteceso está a desenvolver un proxecto de recuperación en varias fases. Nesta primeira tratamos de restablecer o acceso desde o núcleo da Brixería e de recuperar unha senda para comunicar catro dos muíños que integran o conxunto, ademais de rehabilitar un deles e de crear un pequeno espazo para a contemplación da espectacular fervenza.

O camiño de acceso acondicionarase cun tratamento similar ao utilizado no malecón e quedarán preparadas as canalizacións para futuras instalacións de electricidade ou telefonía. No resto dos camiños está previsto consolidar o terreo natural combinando zonas con escaleiras de bloques de pedra de granito e lousados do mesmo material que marquen a ruta. A actuación inclúe tamén a rehabilitación dun muíño con materiais tradicionais. E, por último, crearanse zonas de descanso con bancos, un dos cales estará situado xusto debaixo da fervenza.

De cara ao futuro pretendemos seguir mellorando o conxunto etnográfico do Rego das Bouzas actuando noutros treitos e continuando coa recuperacións dos elementos tradicionais deste espazo natural.

Concello de Ponteceso