Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Mamá Cabra encherá a Biblioteca Municipal de Ponteceso de “Contos para o mundo”

A actividade, incluída no programa de Apego, terá lugar o venres 22 ás 18.00 horas

Na área de Normalización Lingüística de Ponteceso non paramos! Tras o éxito do pasado venres coas Aventuras de Quebranoces, esta semana o departamento que dirixe Carlos Penedo ten programada unha nova actividade musical para os máis pequenos da man do programa Apego. Nesta ocasión, os protagonistas serán Gloria Mosquera e Diego Maceiras, integrantes do grupo musical infantil Mamá Cabra, e o seu divertidísimo espectáculo Contos para o Mundo, dirixido a nenas e nenos de 3 a 12 anos de idade e as súas familias. A cita será o vindeiro venres 22, ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal.

A música e as cancións serán o fío condutor dunhas historias adaptadas ao público infantil que falan sobre temas tan actuais e diversos como o coidado da natureza, o acoso escolar, o saber dicir “non” ou o medo. Ademais de entreter e divertir aos máis pequenos, o espectáculo pretender afondar en valores tan importantes na educación como a empatía, a prudencia, a superación persoal ou a cooperación e a responsabilidade como mecanismos de paz e felicidade. Unha excelente oportunidade para arrincar sorrisos e espertar conciencias dende as idades máis temperás. Non faltedes. É de balde!


Concello de Ponteceso