Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Aberto ata o día 25 o prazo de inscrición para os Campamentos de Conciliación que poremos en marcha este verán

Dende a Concellería de Servizos Sociais pretendemos favorecer a conciliación familiar, laboral e persoal das familias con fillos e fillas de 4 a 12 anos de idade durante os meses de xullo e agosto

Chega o verán e con el, o tempo de ocio e lecer por excelencia, especialmente para milleiros de nenos e nenas aos que lles agardan tres meses de vacacións escolares repletas de xogos e diversión lonxe das aulas. Todo un quebracabezas, sen embargo, para os pais e nais que teñen por diante a difícil tarefa de conciliar vida familiar, laboral e persoal. Para elo, o Concello de Ponteceso vén de poñer en marcha un ano máis, a través da Concellería de Servizos Sociais, que coordina Isabel Vuelta, unha nova edición do Programa Respira, unha iniciativa encamiñada a axudar ás familias do noso municipio a compaxinar o seu traballo co coidado dos fillos/as durante a temporada estival, e ofrecer aos máis cativos/as unha ampla oferta lúdica e recreativa na que o xogo e a aprendizaxe estean presentes a partes iguais.

Como vén sendo habitual, este ano os Campamentos de Conciliación, dirixidos a nenos e nenas de 4 a 12 anos, desenvolveranse ao longo dos meses de xullo e agosto, tanto no Edificio das Escolas de Ponteceso como no pavillón municipal de Corme. No primeiro caso, o horario de actividades será de 10 a 13 horas mentres que no segundo comprenderá de 10:30 a 13:30 horas. As familias interesadas en participar neste programa totalmente gratuíto deberán acreditar debidamente a necesidade de conciliar vida familiar e laboral posto que se trata dunha actividade con prazas limitadas. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 18 ao 25 de xuño. Os/as interesados/as poderán anotarse ben no departamento de Educación Familiar de Ponteceso (881 983 223) e/ou na Oficina Municipal de Corme (981 738 428) en horario de 9 a 14 h.

Durante dous meses, os e as participantes terán a oportunidade de dar renda solta á imaxinación facendo gala da súa creatividade nos diferentes obradoiros de artes plásticas e manuais que se van levar a cabo. Así mesmo, tamén están programadas varias visitas culturais polo municipio e algunha que outra saída á praia. Os xogos populares e as actividades musicais completarán un amplo programa repleto de diversión, aprendizaxe e moitas sorpresas.

A concelleira Isabel Vuelta subliñou a necesidade de desenvolver este tipo de actividades para favorecer a conciliación das familias durante a temporada estival e ofrecer unha oferta lúdica de calidade capaz de entreter e divertir aos máis cativos/as ademais de promover creatividade e curiosidade pola nosa contorna.

Concello de Ponteceso