Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

40 persoas participarán no obradoiro de memoria activa co que retomamos o programa “Actívate” tras as vacacións de verán

A actividade, promovida pola Concellaría de Servizos Sociais, desenvolverase ao longo dos meses de setembro e outubro

Tras as vacacións de verán, na Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Isabel Vuelta González, retomamos as actividades formativas enmarcadas no programa Actívate para incrementar a oferta de ocio e tempo de lecer dos veciños e veciñas do municipio co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e promover a súa participación social.

Os primeiros en regresar ás aulas serán os participantes do obradoiro de Memoria Activa, que dará comezo o luns 17. Corenta veciños e veciñas, repartidos en dous grupos, participarán o curso que impartirá a empresa de xestión social Máis Porvir os luns e os mércores, de 17 a 19 horas, durante os meses de setembro e outubro.

Para garantir unha atención personalizada e adaptada ás necesidades de cada alumno/a, as clases, que terán lugar no Edificio das Escolas de Ponteceso, dividiranse en dous grupos. Durante as sesións teórico-prácticas, os/as participantes terán a oportunidade de coñecer e estimular a súa parte máis cognitiva, mediante a realización de actividades didácticas, xogos e dinámicas de traballo coas que porán a proba a súa memoria, linguaxe, cálculo e capacidade de razoamento, entre outras. Así mesmo, facilitaráselles un listado de tarefas para desenvolver na súa vida cotiá, que lles permitirá reforzar e enriquecer as habilidades e os coñecementos adquiridos.

Novas tecnoloxías
O programa Actívate chegará á súa fin cun taller sobre Novas Tecnoloxías, previsto para os meses de novembro e decembro. Deste xeito, desde o departamento de Servizos Sociais pretendemos achegar tamén á veciñanza os coñecementos básicos para o manexo de dispositivos móbiles e ordenadores, cada vez máis presentes na nosa vida diaria, así como os seus beneficios e utilidades.

Concello de Ponteceso