Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso volve a instar á Xunta a tomar medidas ante os danos causados polo xabaril nas colleitas

O alcalde e a concelleira de Medios Produtivos veñen de solicitar unha xuntanza de traballo coa Consellería de Medio Ambiente e o TECOR para establecer unha actuación coordinada

Agricultores e gandeiros de Ponteceso, así como veciños con colleitas para o consumo familiar, están indignados ante o ataque masivo do xabaril nos cultivos, especialmente o millo nestes días previos á colleita, nos que a espiga xa está madura. Ante esta situación de indefensión xeneralizada, dende o Concello facemos un chamamento á colaboración coordinada dos cazadores e da Consellería de Medio Ambiente para que se concedan de inmediato as autorizacións e permisos que permitan aos cazadores actuacións eficaces nestes días previos á colleita, nos que as intervencións son críticas para evitar danos que xa están a ser masivos, por non falar do risco que supón a superpoboación de xabarís para a seguridade viaria.

Dende o Concello entendemos que ademais de actuar nestes días para limitar os danos, esta situación non pode volver repetirse na próxima campaña, para o que hai que tomar medidas dende hoxe. Por elo, o alcalde, Lois García Carballido, e a concelleira de Medios Produtivos, Susana Toja, veñen de remitir un escrito á Xefatura Territorial de Medio Ambiente no que solicitar unha reunión urxente para abordar este problema de forma conxunta co TECOR.

?É necesario rebaixar a poboación de xabarís ata un nivel compatible coa produción no campo, para o cal teñen que fixarse as cotas de caza de xeito rigoroso?, argumenta o alcalde, que ademais considera preciso ?un plan pactado de protección de cultivos, que tería que desenvolverse ao longo de todo o ciclo produtivo, anticipando accións de caza e disuasión da presencia de xabarís nos momentos máis vulnerables das producións agrarias, especialmente a sementeira do millo e o período de madurez da espiga?.

Para elo, engade García Carballido, ?a Consellería debe fixar os criterios, os momentos de intervención no período hábil de caza e durante a veda, e autorizar aquelas medidas que pidan os veciños afectados, como esperas nas fincas, accións de deslocalización dos xabarís dos cultivos cara o monte con cans, e o uso do adestramento dos cans como elemento de disuasión da presenza do xabaril no entorno das leiras e das casas?.

Como xa lle trasladaron á conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, hai máis de dous anos, o alcalde e a concelleira de Medios Produtivos de Ponteceso destacan que moitos deses animais proceden da zona protexida do río Anllóns, onde non está autorizada a súa caza, agás con medidas excepcionais e cuxa xestión é responsabilidade directa da Xunta.

Os veciños e produtores advirten de que esta zona actúa de reserva de xabarís que despois atacan os cultivos. É tamén precisa a xestión do xabaril nesta zona protexida con criterios ecolóxicos, pois a súa excesiva proliferación ameaza igualmente as poboacións de aves que aniñan no estuario do río Anllóns, xa que se alimentan de ovos e crías de aves anátidas.

Concello de Ponteceso