Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellería de Servizos Sociais organiza unha excursión a León os días 17 e 18 deste mes

As persoas interesadas en participar poden inscribirse no departamento que dirixe Isabel Vuelta desde hoxe luns ata o venres 9

A Concellería de Servizos Sociais abre hoxe luns o prazo de inscrición para participar na viaxe a León que ten previsto realizar os días 17 e 18, coincidindo coa fin de semana. Con esta iniciativa, aberta á participación de toda a cidadanía, o departamento que dirixe Isabel Vuelta pretende ofrecer unha alternativa máis para o tempo de ocio e lecer da veciñanza e, especialmente, dos nosos maiores, achegándoos a descubrir algúns dos valores turísticos máis destacados da cidade maragata entre os que destacan a súa paisaxe, historia, costumes e, por suposto, a súa excelente gastronomía.

As persoas que estean interesadas en asistir teñen que pasar polo o departamento de Servizos Sociais para formalizar a súa inscrición. O prazo para facelo rematará o vindeiro venres 9. As 50 prazas dispoñibles concederanse por rigorosa orde de anotación, tendo preferencia as persoas maiores de 55 anos de idade. O custe da viaxe é de 51 € por persoa, incluíndo aloxamento, ceas, comida, almorzo e a entrada ás Covas de Valporquero, en León. Para facer efectiva a reserva da praza, haberá que abonar previamente dito importe nun número de conta que se facilitará nas dependencias municipais no momento de realizar a solicitude.

Programa
O sábado 17 realizarase a saída dos lugares e hora indicados en dirección á provincia de León. De camiño, está previsto realizar unha parada en Astorga para coñecer parte do seu extenso e rico patrimonio con visita obrigada á Catedral, ao Palacio de Gaudí ou A Muralla Romana, entre outros. Unha vez no hotel, os excursionistas poderán xantar e, xa pola tarde, visitar a cidade de León e algúns dos seus espazos máis emblemáticos como a Catedral, San Marcos, San Isidoro, o Barrio Húmedo, etc. Cea e aloxamento no Hotel Santiago (León).

O domingo 18 tocará madrugar para desprazarse ata As Covas de Valporquero (entrada incluída) e perderse polos camiños, pontes, escaleiras e multitude de focos, que nos acompañarán durante un percorrido de máis dun quilómetro, ata chegar a gran obra de arte que a natureza foi modelando durante máis dun millón de anos. Estalactitas, estalagmitas, coadas e columnas de diferentes brillos e cores sucédense ao longo das cinco salas que teremos a oportunidade de ver en primeira persoa. A continuación, os/as excursionistas desprazaranse ata o Castillo dos Polvazares, onde, ademais de degustar o tradicional Cocido Maragato, coñeceremos este pobo tan singular, coas súas rúas empedradas e casas blasonadas , declarado Conxunto Histórico-Artístico e que conserva íntegra a súa arquitectura popular. Ao rematar, emprenderemos a viaxe de regreso deixando aos viaxeiros/as nas mesmas paradas de recollida.

Máis información nos teléfonos 881 983 045 e 881 983 797.

Concello de Ponteceso