Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A empresa eólica EDP Renováveis concede 12 bolsas de estudos a escolares de Ponteceso por un importe total de 12.500 euros

As axudas, enmarcadas no programa Green Education, entregaranse hoxe ás 17.00 horas no Museo de Corme

A Fundación EDP, pertencente á empresa de enerxía eólica con presenza en Ponteceso EDP Renováveis, vén de conceder 12 bolsas de estudos a estudantes do noso municipio co sobxectivo de apoiar economicamente o seu desenvolvemento educativo e axudar así ás familias con baixos recursos a costear os estudos dos seus fillos e fillas. O importe total das axudas ascende a 12.500 euros.

A entrega das bolsas de estudo terá lugar hoxe martes, ás 17.00 horas, na Casa da Cultura-Museo de Corme. Ao acto está previsto que asistan responsables da empresa e representantes do Concello de Ponteceso, que tamén colabora no programa a través das concellerías de Educación e Servizos Sociais, ademais dos bolseiros/as e as súas familias.

Entre os beneficiarios atópanse estudantes de todos os ciclos educativos, desde infantil, primaria e secundaria ata alumnos de bacharelato e formación profesional, ademais de mozos e mozas que están cursando estudos superiores. As contías a percibir son de 500, 1.000 e 2.000 € en función do ciclo educativo que estean realizando os/as beneficiarios/as.

Esta iniciativa, enmarcada no proxecto Green Education, promove a dotación de bolsas de estudo a aqueles escolares que dispoñan de boas cualificacións académicas e pertenzan a familias con baixos recursos económicos, residentes nos municipios nos que a compañía estea presente, como é o caso do noso municipio.
A elección dos beneficiarios/as foi realizada pola empresa EDP mediante unha coidadosa selección realizada entre todas as solicitudes recibidas.

O ano pasado, un mozo de Dumbría foi o único bolseiro da provincia da Coruña, fronte aos 12 da presente edición tan só no noso concello. Parabéns a todos/as.

Concello de Ponteceso