Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Todo o alumnado de infantil e primaria participará nun novidoso proxecto de dinamización da Biblioteca Municipal

O proxecto Bululú nace coa intención de promover a lectura a través dunha serie de actividades amenas e divertidas que se desenvolverán do 12 ao 20 deste mes

Promover a lectura e achegar os libros dun xeito ameno e divertido aos nenos e nenas son os principais obxectivos da programación que desenvolvemos ao longo do ano dende a área de Biblioteca. Contacontos, obradoiros e espectáculos infantís de todo tipo forman parte da oferta lúdica dirixida aos máis pequenos/as e ás súas familias. Pero, tal como apunta o concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio, Carlos Penedo, “queremos dar un paso máis para acadar unha educación lectora desde a infancia, capaz de motivar e incentivar aos cativos converténdoos en lectores activos e participativos”. Con esa intención arrancará o día 12 un proxecto de dinamización da Biblioteca Municipal orientado aos alumnos e alumnas dos centros de ensino do noso concello.

O proxecto Bululú, como se denomina esta novidosa iniciativa, nace coa intención de achegar a toda a comunidade educativa os recursos culturais dos que dispoñen na súa contorna máis próxima e as ferramentas necesarias para facer un uso responsable, eficaz e eficiente dos mesmos mediante actividades de animación á lectura e dinámicas participativas. Deste xeito, ademais de favorecer a socialización e educación dos nenos e nenas, potenciaranse as súas capacidades motrices, artísticas, plásticas e creativas, entre outras, ao tempo que se amosa a diversidade cultural como un elemento para o enriquecemento persoal e o fomento de actitudes de tolerancia e respecto.

Os destinatarios/as deste programa, pioneiro no noso concello, serán os alumnos e alumnas dos centros de educación infantil e primaria. Do luns 12 ao martes 20, os escolares dos CEIP Eduardo Pondal e As Forcadas e do CRA Nosa Señora do Faro deixarán de ser meros espectadores para converterse en participantes e protagonistas dun feixe de propostas lúdicas e culturais, adaptadas aos diferentes ciclos de ensinanza e idades, nas que a aprendizaxe e a diversión estarán aseguradas. Para logralo non faltarán contacontos interactivos para os máis pequenos coas súas personaxes favoritas, e unha chea de xogos, probas e retos para o alumnado dos diferentes ciclos de primaria, cos que aprenderán a pensar de forma crítica, reflexiva e activa sobre a realidade que os rodea.

Programa
A partir do día 12 realizaranse dúas sesións didácticas diarias de 75 minutos cada unha. Os/as primeiros en desprazarse ata a Biblioteca Municipal serán os alumnos e alumnas de primaria do colexio Eduardo Pondal, que participarán en varias quendas ata o xoves. Entre o xoves e o venres acudirá, tamén en varios grupos, o alumnado de primaria do CEIP As Forcadas.

O martes 20 é o día asignado para os alumnos e alumnas de infantil de todos os centros de ensino do municipio, que acudirán á Biblioteca Municipal para participar, de xeito moi activo, nunha divertidísima sesión de contacontos na que eles e elas tamén terán moito que contar. Cada unha das tres sesión previstas para esta última xornada terá unha duración de 40-45 minutos e os convites para acudir serán entregadas nos propios centros educativos o luns 19 por uns personaxes moi especiais. Así que avisade aos peques da casa para que estean cos os ollos ben abertos e, sobre todo, que non falten a clase nos vindeiros días!

Concello de Ponteceso