Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Melga de Ponteceso organizará o domingo 25 a I Concentración de Clubs Seat 600 de Galicia

A xornada, na que tamén participa o Concello de Ponteceso, consistirá nunha visita guiada ao museo, un percorrido turístico e unha concentración na Praza do Recheo

Esta fin de semana, os/as amantes dos coches clásicos teñen unha cita en Ponteceso cun dos vehículos que marcaron un fito na historia automobilística do noso país: o Seat 600. O aparcadoiro do Centro Cultural do noso municipio acollerá, a partir das 11:30 horas, a que será a I Concentración de Clubs Seat 600 de Galicia nun evento organizado polo Museo Etnolúdico de Galicia, a Fundación Ricardo Pérez y Verdes e o Concello de Ponteceso en colaboración co Club 600 de Galicia en A Coruña. Ademais, a xornada completarase cun programa de actividades que permitirá a todos os/as participantes coñecer outras “xoias” do noso concello.

A primeira parada da mañá terá como destino o Melga de Ponteceso. Acompañados polo guía e director do museo Ricardo Pérez y Verdes, os e as participantes realizarán unha visita guiada polo seu interior para coñecer os máis de 4.000 xoguetes e 25 xogos tradicionais que conforman unhas das maiores coleccións que existen na actualidade. A continuación, os/as propietarios/as dos vehículos gozarán dun percorrido por diferentes localidades dos arredores, no que non faltará a visita aos principais puntos de interese turístico e paisaxístico do municipio para rematar na Praza do Recheo de Ponteceso, onde permanecerán expostos, a partir das 13:30 horas, para desfrute de todos os veciños e veciñas que desexen ver de preto a este clásicos das catro rodas, fabricados por primeira vez en 1957 e coñecidos popularmente como “pelotillas”.

Ata o de agora está confirmada a participación de preto de 40 vehículos, aos que se poderán sumar moitos máis ao longo da semana, previa inscrición no 981 715 442 ou en ricardoperezyverdes@gmail.com. Desde o Concello de Ponteceso animamos a todas as persoas que o desexen, e posúan un destes vehículos, a participar nesta singular expedición para gozar dunha xornada de convivencia arredor dun dos grandes clásicos da nosa historia máis recente.

Concello de Ponteceso