Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Teatro, música, cine e moitas sorpresas agárdante na programación municipal de Nadal

No XXII Certame de Nadal, previsto para o sábado 22, as corais participantes realizarán unha interpretación conxunta do himno galego para conmemorar o Día do Himno en Ponteceso

O Nadal é tempo de maxia e ilusión, especialmente para os máis pequenos/as da casa. Por iso, non é de estrañar que boa parte da programación lúdica e cultural, que vén de elaborar o Concello de Ponteceso para as vindeiras datas, vaia dirixida na súa maioría ao público infantil e familiar. Teatro, música, cine e algunha que outra sorpresa forman parte das propostas deseñadas pola Concellaría de Cultura para que nenos e maiores desfruten ao máximo do seu tempo de ocio e lecer.

A primeira cita terá lugar xa o vindeiro luns 17 no salón de actos do Edificio das Escolas de Ponteceso. A partir das 18:00 horas, os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Teatro subirán ao escenario para inaugurar a programación cultural coa representación da obra “Un Nadal na Granxa”, unha divertida posta en escena que arrincará o sorriso de todos os asistentes.

Entretida e moi didáctica será tamén a segunda actividade da semana, uns concertos didácticos dirixidos a escolares que se desenvolverás os días 19 e 20 nos centros de infantil e primaria do municipio e no CRA Nosa Señora do Faro. O grupo Transversal Art Ensemble será o encargado de achegar aos máis pequenos/as un espectáculo sen barreiras nin fronteiras musicais coa intención de amosarlles estilos tan variados como a música clásica, tradicional, jazz, etc.

Encontro de Corais e Himno galego
O sábado 22 celebrarse no salón de actos do Edificio das Escolas o XXII Certame de Nadal das Corais Polifónicas, un dos eventos máis tradicionais e agardados desta época. Ao igual que en anos anteriores, contaremos coa participación das formacións locais San Xoán de Xornes, San Salvador de Pazos, Santa Mariña de Ponteceso, Mar de Corme, A Oliveira do Monte Branco e San Eleuterio de Tella. Ademais, acompañaranos unha convidada de luxo: Ensamble Iulius XIII, que ofrecerá un concerto en directo para desfrute do público asistente. E, como parte dos actos programados arredor do Día do Himno en Ponteceso, que se conmemora o 20 de decembro, as corais participantes realizarán unha interpretación conxunta do himno galego á que, por suposto, están convidadas a sumarse todas as persoas que o desexen.

O Cine de Nadal porá o broche final ás actividades programadas para este ano con dúas súper películas de animación que farán as delicias de toda a familia. A primeira cita co sétimo arte será o xoves 27, ás 18:30 horas, no pavillón municipal de Corme con “Los Increíbles 2”. Ao día seguinte, venres 28, á mesma hora, no Edificio das Escolas proxectarase “Súperagente canino”. Este Nadal, anímate a participar nas actividades municipais e divírtete coma nunca xunto a toda a familia.

Concello de Ponteceso