Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellería de Servizos Sociais organiza para o 19 de xaneiro unha excursión á comarca do Deza

O prazo de inscrición abrirá o luns 7 e terán preferencia as persoas que non participaran en viaxes anteriores

Na Concellería de Servizos Sociais de Ponteceso queremos iniciar o 2019 co mesmo espírito aventureiro co que despedimos o 2018. Por iso, desde o departamento que dirixe Isabel Vuelta xa temos todo organizado para a próxima excursión que imos realizar no mes de xaneiro e que nos levará ata a fermosa comarca do Deza. A cita será o sábado 19.

A primeira hora da mañá efectuarase a saída en dirección ao municipio de A Estrada seguindo o itinerario e os horarios de costume. Tras unha parada para almorzar, chegaremos ao noso primeiro destino: o Pazo de Oca, unha casa señorial, de estilo barroco, declarado Ben de Interese Cultural e que na actualidade pertence aos duques de Medinaceli. Pero esta “xoia” arquitectónica tamén é coñecida como o "Versalles galego" pola incrible beleza dos seus xardíns, que ocupan unha extensión de 8 hectáreas e que poden ser visitados durante todo o ano. Durante a visita guiada que está previsto realizar poderemos ver algunhas das camelias máis antigas de Europa, magníficos exemplares de magnolios e tulipáns ou a gran avenida de tilos que agocha no seu interior.

A seguinte parada non será menos espectacular. Abondará con perderse polas rúas de Lalín para comprobar o extenso patrimonio cultural e monumental que envolve toda a cidade como se dun museo de arte ao aire libre se tratara e no que poderemos atopar esculturas tan sorprendentes como o monumento ao aviador e outras moitas que preferimos non desvelar para que as descubrades pola vosa conta.

Tras o xantar agardaranos unha interesante visita á Casa do Patrón, un museo etnográfico con máis de 2.000 m2 de exposición distribuídos en tres edificios e onde se expoñen máis de 4.500 pezas recollidas por toda a xeografía galega. Unha viaxe ao interior do mundo rural galego para descubrir parte da nosa historia, a través das tradicións e os costumes de antano. De regreso para a casa, a xornada rematará cunha excursión ao Santuario de O Corpiño, na comarca do Deza.

Para garantir a participación de toda a cidadanía no programa de visitas culturais e de lecer, desde a Concellería de Servizos Sociais estableceranse dúas quendas de inscricións. A primeira e prioritaria, o luns 7, estará dirixida a aquelas persoas que non participaran en ningunha excursión organizada con anterioridade. Na segunda, a partir do martes 8 (inclusive), poderán anotarse todas as persoas que o desexen. Para máis información, os/as interesados/as poderán chamar aos teléfonos 881 983 045/ 881 983 797.

Concello de Ponteceso