Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso disporá o vindeiro verán dunha moto acuática, que permitirá mellorar a resposta ante unha emerxencia

Lois García Carballido recolleu hoxe o vehículo, que foi entregado polo vicepresidente da Xunta nun acto celebrado na Coruña

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, recolleu hoxe na Coruña unha moto acuática que se sumará ao equipamento dos servizos de emerxencias de cara á temporada de praias. O rexedor destacou que estes vehículos constitúen “o modo máis rápido de efectuar os rescates”, polo que as nosas praias, ademais de ofrecer os servizos de calidade que nos fan merecedores de tres bandeiras azuis, serán o vindeiro verán moito máis seguras.

A moto de auga forma parte do equipamento co que a Xunta de Galicia está dotando ás agrupacións de Protección Civil e aos grupos de emerxencias supramunicipais co obxectivo de mellorar a resposta ante as emerxencias. O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, foi o encargado de facer entrega deste equipamento aos representantes municipais que se achegaron ata A Coruña, entre eles o noso alcalde.

Ademais da moto acuática, marca Yamaha, o Concello de Ponteceso recibiu hoxe un remolque homologado para o transporte e unha plataforma de rescate para acoplar á moto acuática que está dotada con dous cascos, dous chalecos e unha bolsa de rescate, un par de aletas curtas e cinto porta aletas, un coitelo de emerxencia e dous traxes de rescate acuático.

Concello de Ponteceso