Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso celebrará o Mes de Rosalía cun amplo programa cultural promovido polo Servizo de Normalización Lingüística

Do 2 ao 23 de febreiro levaranse a cabo recitais poéticos, actuacións musicais, unha conferencia e unha mesa redonda para conmemorar o 182º aniversario do nacemento da escritora do Rexurdimento

Con motivo do 182º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, que se conmemorará o 24 de febreiro, o pleno do Concello de Ponteceso acordou realizar ao longo do vindeiro mes unha serie de actividades culturais orientadas á divulgación e promoción da figura e a obra da que, sen dúbida, é a escritora máis ilustre das Letras Galegas.

Para elo, o Servizo de Normalización Lingüística, que dirixe Carlos Penedo, elaborou un amplo programa de actos, abertos á participación de toda a cidadanía, que reunirá no noso concello a destacadas personalidades do eido da cultura arredor de interesantes propostas que incluirán citas musicais, recitais poéticos, unha conferencia e unha mesa redonda.

Toma boa nota de todas e participa no mes rosaliano de Ponteceso.

- Día 2. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, ofrecerá unha conferencia titulada “Rosalía con Pondal no Rexurdimento”, na que analizará polo miúdo o papel transcendental desenvolvido por ambos escritores durante o movemento literario, social e cultural que tivo lugar na segunda metade do século XIX. Ao remate, o conferenciante deleitará ao público cun recital de poemas seleccionados para a ocasión. Será na Biblioteca Municipal a partir das 19:00 horas.

- Día 9. A partir das 21:00 horas, a música en galego do grupo vigués Son Trío comezará a soar no Edificio das Escolas nun concerto sen precedentes. A formación, xurdida a finais de 2017 e integrada por Su Garrido Pombo (voz), Susanna Blanco (cello) e Katerina Linke (piano e composición), achegaranos o seu primeiro traballo denominado “Miña almiña”, baseado nos poemas de Follas Novas de Rosalía de Castro. Trátase dun proxecto musical diferente, de gran calidade artística e aberto a un público moi diverso. O seu repertorio está composto por cancións íntimas, expresivas e románticas, cun toque de jazz, coas que reivindican (ao igual que Rosalía) o papel feminino na sociedade e, especialmente, a posición das mulleres nas artes.

- Día 16. Lectura pública dos poemas de Rosalía de Castro na Biblioteca Municipal. No acto, que dará comezo ás 18:00 horas, participarán destacados persoeiros do mundo da cultura, alumnado e profesorado dos centros educativos do concello e público en xeral. A continuación, Clara Amado e María Sánchez ofrecerán unha actuación musical e, de seguido, ofrecerase un chocolate a todos os/as asistentes.

- Día 22. O alumnado do IES Eduardo Pondal realizará un recital poético no propio centro. Será a partir das 13:20 horas.

- Día 23. A Biblioteca Municipal acollerá, a partir das 18:00 horas, unha mesa redonda protagonizada polos poetas Miguel Losada, Pepa Nieto e Villo Argumanez, tres reputadas voces que nos aproximarán á poesía romántica da escritora baixo o título “Rosalía, de corazón”. O acto estará aberto á participación de toda a veciñanza.

Anímate e participa porque o vindeiro mes en Ponteceso, rosaliamos!

Concello de Ponteceso