Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Cartel de luxo para as IV Xornadas de Xénero que organiza a Área de Biblioteca

Mercedes Queixas, Clara Amado, Ana Sánchez, Celtia Figueiras, Roser Amills, Raquel Queizás e Soledad Felloza difundirán a cultura da igualdade ao longo do mes de marzo

Arredor do Día Internacional das Mulleres, que se celebra o 8 de marzo, a Área de Biblioteca que dirixe Carlos Penedo Casmartiño pon en marcha un ano máis as Xornadas de Xénero cunha ampla e variada programación que nos deixará ao longo do mes de marzo importantes citas culturais, musicais e lúdicas co obxectivo de implicar a toda a cidadanía na defensa da igualdade de xénero desde a reflexión, a aprendizaxe e, por suposto, o entretemento. Un cartel de luxo que, como non podía ser doutro xeito, estará protagonizado por destacadas mulleres e terá como escenario a Biblioteca Municipal, onde se desenvolverán, a partir das 18:30 horas, todos os eventos programados. A entrada será libre e de balde.

A cuarta edición das Xornadas arrincará o próximo venres 1 cunha convidada de luxo: Mercedes Queixas. A escritora, mestra e académica galega ofrecerá unha charla titulada “As pioneiras como Rosalía”, na que a partir dunha fermosa biografía infantil sobre Rosalía presentará a outras mulleres sobresaíntes e tamén pioneiras no seu tempo, pertencentes a diferentes áreas do coñecemento. A xornada rematará cunha actuación musical protagonizada polo dúo pontecesán formado por Clara Amado e Ana Sánchez, que interpretarán temas relacionados coa igualdade.

A segunda cita terá lugar o vindeiro xoves 7 cunha proposta escénica dirixida ao público familiar que nos achegará a contadora de contos Celtia Figueiras a través do espectáculo Ula lúa?, no que se narra a historia dunha tímida e asustadiza gatiña que nos amosará valores tan importantes como a tenrura, o respecto ou a solidariedade nun mundo onde a violencia non ten cabida e a ilusión fai dos soños unha realidade.

As Xornadas tamén viaxarán ata o IES Eduardo Pondal de Ponteceso para promover un encontro entre os/as estudantes do centro e a xornalista e escritora mallorquina Roser Amills, autora de numerosos libros de novela, ensaio e poesía que compaxina coa súa actividade profesional en radio, TV e plataformas online. Será o venres 15, a partir das 13:00 horas, durante a charla que ofrecerá baixo o título “Vitaminas para adolescentes”, toda unha declaración de intencións para lograr o compromiso e a implicación da mocidade en cuestións de xénero.

O venres 22 será a actriz e contadora Raquel Queizás quen achegue aos máis pequenos/as os contos pola igualdade a través do espectáculo “Somos iguais”, no que descubriremos historias de nenos e nenas que rompen os estereotipos que abundan nos contos e faranos brincar co poder da imaxinación que une ambos sexos. E tamén para a cativada e as súas familias vai dirixida a última actividade do mes protagonizada pola tamén actriz e contadora de historias Soledad Felloza, que nos achegará ao mundo máxico e libre das “Bolboretas” o venres 29. Anímate e participa!

Concello de Ponteceso