Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellaría de Servizos Sociais conmemorará o Día da Muller coa proxección dun documental e un debate-coloquio protagonizado por traballadoras locais de mediados do século XX

O departamento de Isabel Vuelta anima a toda a veciñanza a participar nos actos do 8 de marzo que se celebrarán na Biblioteca Municipal co lema “Dálle a volta”

O Concello de Ponteceso conmemorará o Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo, cunha serie de actividades programadas desde a Concellería de Servizos Sociais co título “Dálle a volta”, un lema co que se pretende promover o empoderamento feminino e destacar o papel da muller na sociedade como superheroínas da vida cotiá.

Pero, ademais, este ano o departamento que dirixe Isabel Vuelta González quere botar a vista atrás para render unha merecida homenaxe ás centos de mulleres anónimas que, desafiando os estándares sociais da primeira metade do século XX, decidiron acceder ao mercado laboral e emprender un difícil camiño a prol da igualdade e na defensa dos seus dereitos e da súa independencia económica.

Entre os primeiros rostros da xornada poderemos ver os das protagonistas do documental "Tecido resistente: a silenciosa revolución das mulleres de Présaras", que se proxectará a partir das 19:30 horas na Biblioteca Municipal do Centro Cultural. O audiovisual, dirixido por Marina Chiavegatto, recolle o testemuño dalgunhas das centos de mulleres que traballaban na fábrica Hilados y Tejidos de Vilasantar (Lugo) e que contribuíron a cambiar a economía e a organización social de toda unha comarca durante os primeiros anos do século XX. Este traballo foi galardoado co I Premio Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade, que concede a Deputación da Coruña.

A continuación dará comezo un debate-coloquio no que participarán un grupo de mulleres que desenvolveron a súa actividade profesional da década dos 40 ao 60 traballando na antiga mina e como cociñeiras no colexio Eduardo Pondal de Ponteceso.

Arredor das 21:00 horas, os/as asistentes poderán desfrutar dun aperitivo mentres intercambian impresións sobre a xornada.

Desde a Concellaría de Servizos Sociais, Isabel Vuelta anima a toda a veciñanza a participar nos actos conmemorativos do próximo 8 de marzo e implicarse na reivindicación dunha sociedade máis xusta e igualitaria para todos e todas. Dálle a volta!

Concello de Ponteceso