Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O grupo de teatro APEM de Carballo estreará función no Museo de Corme o sábado 25 convidado pola Área de Turismo

A función dará comezo ás 20:00 horas e será de balde ata completar aforo

O grupo de teatro da Asociación Pro Enfermos Mentales de Carballo (APEM) visitará Corme o sábado 25, convidado pola Área de Turismo, que dirixe Susana Toja Blanco, para representar a obra ?Cambiouche ben o conto?, unha peza escrita e dirixida por varios membros da entidade na que se poñen de manifesto, con certas doses de humor e moita retranca, as reaccións humanas ante un feito inesperado que pode cambiar e empeorar un estilo de vida acomodada.

Así mesmo, nesta representación a compañía aproveita para facer unha pequena radiografía dunha parte da sociedade galega, de finais dos anos oitenta, á que lle custa asumir determinados dereitos que na conciencia social aínda non estaban normalizados. Certo é que "cambiouche ben o conto.." pero aínda ten que cambiar máis.

A función, que será de balde e aberta á participación de toda a veciñanza, terá lugar a partir ás 20:00 horas no Museo de Corme. Quedades todos/as convidados!

Sinopse:
Lisardo, un emigrante e pequeno empresario do ladrillo, xa maior, cunha vida e unha familia acomodada, descobre por casualidade que ten unha filla non recoñecida da que non soubo ou non quixo saber nada no pasado. Para tranquilizar a súa conciencia decide contarllo á súa familia e recoñecela como filla aínda que nada vai saír como el pensaba.

Concello de Ponteceso