Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

As escolas municipais de Ponteceso despiden o curso con actuacións en directo e exhibicións abertas a toda a veciñanza

O Museo de Arte Contemporánea acollerá mañá 29 a clausura do curso de música mentres que o de arte será o venres 14 de xuño na Biblioteca Municipal

Chega o mes de xuño e con el o remate das actividades culturais organizadas polo Concello de Ponteceso para os nenos e nenas do municipio en idade escolar. E na Concellería de Cultura xa está todo preparado para acoller os diferentes os actos de clausura, nos que participarán os alumnos e alumnas que ao longo do curso asistiron ás clases para amosar a familiares, amigos/as e a toda a veciñanza que desexe achegarse, todo o aprendido nesta edición. Para elo, realizarán exhibicións e actuacións en directo e ata unha exposición de pintura, que permanecerá exposta ao longo de todo o mes.

Os primeiros/as en despedirse serán os integrantes da escola municipal de música, que este ano clausurarán o curso cun concerto no Museo de Arte Contemporánea de Corme (MACMO), previsto para o mércores 29 ás 12:30 horas.

Pola súa banda, a clausura do obradoiro de arte terá lugar o venres 14, ás 19:00 horas, na Biblioteca Municipal de Ponteceso. Como xa é costume, o alumnado realizará unha exposición coas obras elaboradas ao longo do curso. A mostra permanecerá aberta ao público durante todo o mes de xuño para desfrute dos veciños e veciñas que se acheguen a visitala.

Dende a área de Cultura convídase a todas as persoas que o desexen a participar nos diferentes actos e descubrir as diferentes capacidades da nosa canteira de artistas. Agardámosvos!

Concello de Ponteceso