Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso e a Fundación Eduardo Pondal recuperan o Certame Internacional de pintura ao aire libre Álvarez de Sotomayor

A quinta edición, que se celebrará o 17 de agosto, coincide co bicentenario do Museo del Prado, do que foi director durante trinta anos

Ponteceso recupera este ano un dos eventos culturais de maior proxección, o Certame internacional de pintura ao aire libre Fernando Álvarez de Sotomayor, que pon en valor a figura dun artista estreitamente ligado ao noso concello e convértenos en punto de referencia cultural.

Os detalles fixéronse públicos hoxe na Casa do Concello, nun acto no que participaron as concelleiras de Cultura, Ana Pérez Imia, e Turismo, Raquel Fondo Pérez; o concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Faustino Santiago Lema; o presidente da Asociación de Empresarios, Juanjo Merino, e o xerente da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela, que leva o peso da organización xunto co Concello de Ponteceso e coa colaboración da Deputación da Coruña.

Despois de tres anos de ausencia, o concurso celebrará a súa quinta edición o vindeiro 17 de agosto, e ademais nun ano simbólico pola celebración do bicentenario do Museo del Prado, do que, como lembrou a concelleira de Cultura, Álvarez de Sotomayor foi director durante trinta anos.

“Ponteceso _engadiu José María Varela_ é un concello con moitísima sorte, porque temos grandísimos persoeiros como Mourelle, Pondal ou Álvarez de Sotomayor, moi relacionado con Sergude, na parroquia de Xornes, e pintor de recoñecido prestixio a nivel internacional”. O xerente da Fundación Pondal lembrou que a celebración da primeira edición foi posible grazas á implicación da neta do artista, Maya Álvarez de Sotomayor, crítica de arte, e do seu home, Hernán Cortés, considerado un dos mellores retratistas de España, que todos os anos retornan a Sergude. “Debemos estar orgullosos de ter embaixadores coma estes”, manifestou José María Varela.

Xurado e premios
Os dous formarán parte do xurado desta 5ª edición do certame xunto con Gabriel Astudillo, presidente da Asociación Española de Pintores; a arquitecta Isabel Aguirre, o ex presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares; o delegado de La Voz de Galicia en Carballo, Xosé Ameixeiras, e o alcalde, Lois García Carballido, aínda que a composición do tribunal non está pechada.

Ademais de implicar aos distintos departamentos municipais, o evento tamén conta coa colaboración da Asociación de Empresarios. O 17 de agosto o comercio pontecesán estará aberto e decorado con láminas de Álvarez de Sotomayor. E tamén se implicará á hostalaría local nas actividades paralelas, como unha ruta de pinchos, animación nos bares con grupos de música tradicional e outras propostas.

Os/as artistas que queiran participar poden preinscribirse no correo electrónico pinturasotomayorponteceso@gmaill.com, aínda que as inscricións definitivas realizaranse o propio día 17 de agosto no Centro Cultural Xosé Neira Vilas. A xornada a comezará ás 09.00 horas e rematará ás 21.00, tras dúas horas de exposición ao público das obras participantes, que, sempre que non resulten premiadas, poderán venderse.

A organización establece 12 premios: o primeiro, dotado con 3.000 euros; o segundo, 1.500; o terceiro; 1.000; o cuarto, 600; o quinto, 500, e a partir do sexto, 400 euros. Na ultima edición participaron 75 artistas, e nesta ocasión limítase a 100.

“É o certame máis importante de Galicia e un dos máis importantes de España”, asegurou José María Varela, que agradeceu a aposta do Concello de Ponteceso e a colaboración do voluntariado que, engadiu, vai contribuír a facer o 17 de agosto “un día grande”.


Descargas asociadas


Concello de Ponteceso