Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Aberto o prazo de inscrición para participar no Concurso de Fachadas da Feira Mariñeira Artesá de Corme

Trátase dunha iniciativa da Área de Turismo de Ponteceso para contribuír a ambientar as rúas da vila con elementos relacionados co mar e a artesanía

Este ano, desde a Concellería de Turismo de Ponteceso queremos que a contorna onde se vai celebrar a IV Feira Mariñeira Artesá de Corme luza máis fermosa ca nunca. Para elo, o departamento que dirixe Raquel Fondo vén organizar o Concurso de Fachadas, no que poderán participar todos os veciños e veciñas da vila que desexen contribuír a ambientar os espazos urbanos onde se vai levar a cabo un dos acontecementos culturais máis relevantes do verán.

As persoas interesadas en participar deberán adornar as fachadas das súas vivendas con elementos relacionados co mar e da artesanía, temática arredor da que xira a Feira Mariñeira Artesá.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ao longo do día de hoxe así como o venres 26.

Os/as participantes tan só deberán cubrir unha instancia cos seus datos persoais e o enderezo da fachada que opta ao concurso, que poderán recoller hoxe mesmo e o venres 26 na Oficina Municipal de Corme (981 738 428), en horario de 09:00 a 13:30 horas, ou descargala do documento que se adxunta ao pé desta nova.

O domingo 28, ás 12:00 horas, o xurado, composto por cinco persoas elixidas polo departamento de Turismo, realizará un percorrido polas fachadas inscritas para proceder á súa valoración, na que se terá en conta a orixinalidade e complexidade dos adornos realizados. Ao remate, daranse a coñecer os nomes dos tres finalistas, que recibirán como agasallo unha serie de produtos doados polos artesáns que participen na Feira Mariñeira.

As rúas participantes no concurso serán as seguintes: rúa Real, contorna da Fonte do Campo, rúa do Río da Roda, Praza do Pan, Praza do Campiño, rúa Hortas, contorna da Igrexa e contorna da Praza da Ribeira. No caso de que desexen participar residentes doutras zonas da vila tamén poderán facelo poñéndose en contacto coa organización antes do venres 26 para que o xurado se achegue a valorar as súas fachadas. Anímate e participa!


Descargas asociadas


Concello de Ponteceso