Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Melga, o Concello e a Deputación da Coruña apostan polas actividades lúdicas tradicionais nas Festas da Barquiña como sinal de identidade

A asociación Eventos de Ponteceso é a encargada da organización das festas patronais, que se celebrarán do 13 ao 17 deste mes

A volta ao traballo, a volta ao cole, a volta á rutina e a volta ás festas! En Ponteceso, o mes de setembro soa a diversión, a música, a tradición, a xogos e a gastronomía porque, como cada ano por estas datas, o noso municipio prepárase para acoller a celebración das tradicionais Festas da Barquiña, que se celebrarán do venres 13 ao martes 17.

Música tradicional, orquestras, DJ’s, rutas gastronómicas, actividades infantís e xogos tradicionais conforman a programación festiva elaborada pola asociación Eventos de Ponteceso, coa colaboración do Concello e a participación do Museo Etnolúdico de Galicia e a Fundación Ricardo Pérez y Verdes, que un ano máis achegaranos algúns dos pratos fortes desta edición como o V Campionato de Tirabalas ou a VI Ruta de Bicicletas Clásicas, dous eventos con gran sona e arraigo, nos que tamén colabora o Concello de Ponteceso, a Deputación da Coruña e varias empresas locais co obxectivo de promover a realización de actividades lúdicas e deportivas de carácter tradicional que contribúan a enriquecer a cultura popular e manter vivos os nosos costumes.

Venres 13
E para comezar con bo sabor de boca, este venres celebrarase na Praza do Relleno unha churrascada veciñal (5€) na que no faltarán as actuacións musicais para amenizar unha velada que promete ser tan divertida como saborosa.

Sábado 14
O sábado 14, a música volverá a ser unha das protagonistas da xornada da mañá á noite. A charanga Santiaguiño será a encargada de animar as rúas da localidade durante a celebración da V Ruta dos Pinchos “PonteaPinchar”, que dará comezo ás 12:30 horas coa participación dos establecementos de hostalería para poñer en valor o mellor da nosa gastronomía en forma de exquisitos petiscos que mesturarán sabor e creatividade.

Actividades lúdicas co Melga
Xa pola tarde, chegará unha das citas máis agardadas polo público de todas as idades, o Campionato de Tirabalas, organizado polos Melga e a Fundación Ricardo Pérez y Verdes, que este ano acadará a súa quinta edición. A partir das 18:00 horas, a Praza do Relleno converterase, por primeira vez, no escenario elixido para a realización deste divertidísimo xogo tradicional, no que tan só poderán participar tiradores con idades comprendidas entre 1 e 100 anos. A inscrición, que será de balde, deberá realizarse antes do venres 13 ou unha hora antes da proba. Cada xogador deberá elaborar o seu propio tirabalas e, de non poder, a organización disporá dun servizo de préstamo para que ninguén quede sen probar sorte. Haberá seis categorías, distribuídas por idades, e para gañar será necesario derrubar 5 latas en orde consecutiva, con tres posibilidades en cada unha. Nesta edición, como novidade, os/as gañadores recibirán premios en metálico que irán dos 20 aos 150 € e produtos da terra como agasallo. Ata o de agora, esta proba conta cun único vencedor absoluto, o tetracampión Carlos Andrade Castro, que ostenta o récord con 34 puntos acadados. Atrevédesvos a quitarlle o podio?

Outra das citas que tamén chegará da man do noso Melga será a VI Ruta de Bicicletas Clásicas, que arrincará o domingo 15, ás 12.30 horas, do Centro Cultural tras a celebración da IX Ponteclásico. Unha bici antiga e roupa de época serán suficientes para formar parte desta singular expedición que percorrerá as rúas da localidade para rematar á beira do río Anllóns degustando un xantar popular. Para participar en ambas actividades bastará con anotarse no Melga Centro Cultural (981 715 442) ou enviando un mail a ricardoperezyverdes@gmail.com.

A xornada de sábado rematará cunha gran verbena a cargo do grupo Bomba. A continuación, a Discoteca Móbil Impacto e os dj’s locais Grobás, Adrián e Nando ofrecerán un espectáculo musical con moito ritmo.

Domingo 15
O domingo 15, os/as amantes dos coches e as motos clásicas estarán de parabéns porque desde primeira hora da mañá terán ocasión de ver auténticas “xoias” do pasado sobre o asfalto durante a celebración do IX Ponteclásico, que rematará ao mediodía cunha concentración na Praza do Relleno á que tamén se sumarán as bicicletas máis antigas da contorna. A agrupación Inllar ofrecerá unha actuación de música tradicional antes da sesión vermú, coa que tamén animará as rúas do municipio os días 15, 16 e 17. A continuación, a orquestra Samba subirá ao escenario cun repertorio do máis movido que continuará, xa pola noite, durante a verbena. A partir das 17:30 horas, haberá xogos no río con actividades para toda a familia: festa da espuma, kayak, paddle surf, bolas de auga...

Día do Neno
Os pequenos/as da casa serán os protagonistas da xornada do luns 16 coa celebración do Día do Neno, que arrincará ás 17:30 horas con actividades e xogos infantís na Praza do Relleno.

Na recta final das Festas da Barquiña as actuacións musicais seguirán marcando o compás con espectáculos en directo. O luns, despois da misa cantada pola Coral Polifónica Santa Mariña de Ponteceso, haberá sesión vermú coa orquestra Xacobeo, que tamén actuará na verbena xunto ao Combo Dominicano. Ás 01:00 horas, o ceo do noso concello volverá, tras oito anos sen facelo, a encherse de luz e cor cunha incrible sesión de fogos artificiais que vos deixará coa boca aberta.

Martes 17
E o martes 17, o broche de ouro a cinco días intensos de celebracións porao o Dúo D’Festa cunha sesión “supervermú”, que terá lugar ao remate da misa de unha para deixararvos co ritmo pegado ao corpo ata o ano que vén.

  •  Provisión postos de traballo
  • Portal de Transparencia
  • Acceso á Oficina Virtual Tributaria
  • Programación Inverno 2019-2020
  • Bonos sociais
  • O noso Entroido é o mellor
  • Vota polo Entroido de Ponteceso!
  • Promoción Turístico de Galicia
  • Servizo Nomalización Lingüística
  • Solicitude de visitas guiadas
  • Acceso á web da Biblioteca Municipal do Concello
  • Protección Civil
  • Cultura e deportes en imaxes
  • Liga Municipal de Fútbol Sala
  • Liga Municipal de Ping Pong
  • Liga Municipal de Tenis
  • Liga Municipal de Fútbol Sala Veteranos
  • Costa Bergantiñá
  • Inscrición en liña nas actividades do Concello
  • Servicio de alertas por sms
Concello de Ponteceso